Conclúes os traballos de mellora do exterior do almacén municipal de Arbo co apoio da Xunta de Galicia

Redacción

• O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou Arbo acompañado polo alcalde, Horacio Gil, para supervisar o resultado final das actuacións executadas no edificio.

• A intervención, cun investimento de 46.199,98 euros (IVE incluído) e executada por unha empresa local, permite renovar a envolvente exterior do inmoble e mellorar a súa impermeabilización.

• O rexedor arbense puxo en valor a cooperación institucional e trasladou o seu agradecemento ao Goberno galego polo seu compromiso constante co desenvolvemento e o benestar de Arbo.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou onte o concello de Arbo para comprobar de primeira man o resultado das actuacións de mellora executadas no exterior do almacén municipal, unha intervención estratéxica destinada a garantir a conservación, funcionalidade e seguridade deste equipamento público fundamental para o labor diario dos operarios municipais.
O importe do contrato ascendeu á cantidade de 46.199,98 euros (IVE do 21 % incluído, que ascende a 8.018,18 euros), e a obra foi executada por unha empresa local, contribuíndo deste xeito a dinamizar tamén a actividade económica e o tecido empresarial do propio municipio.
Durante o percorrido polas instalacións, no que estivo acompañado polo alcalde de Arbo, Horacio Gil, o representante autonómico puido verificar o alcance duns traballos que permitiron renovar por completo a envolvente exterior do edificio. Grazas a esta mellora, solucionáronse problemas derivados do paso do tempo e das inclemencias meteorolóxicas, reforzando a impermeabilización da estrutura e mellorando substancialmente as condicións de mantemento e illamento do recinto.
Na súa intervención, o alcalde de Arbo, Horacio Gil, salientou a relevancia práctica desta obra para o día a día da administración local, xa que o almacén municipal centraliza maquinaria, ferramentas e material indispensable para o mantemento das parroquias e dos espazos públicos da vila. O rexedor aproveitou a ocasión para expresar o seu recoñecemento á Administración autonómica:”Quero dar as grazas á Xunta de Galicia polo seu compromiso constante con Arbo, un apoio leal e continuo que se traduce en investimentos reais e necesarios para os nosos veciños. A colaboración entre administracións é a mellor ferramenta para que concellos como o noso poidan modernizar os seus equipamentos e seguir prestando servizos públicos de calidade” —afirmou Horacio Gil.
Pola súa banda, o delegado territorial, Pablo Fernández, destacou a importancia de cooperar estreitamente cos concellos na mellora e conservación das súas infraestruturas, poñendo o foco naquelas dotacións que resultan imprescindibles para o funcionamento cotián dos municipios. Neste sentido, subliñou que contar con instalacións municipais modernas, seguras e en bo estado de conservación contribúe de maneira directa a ofrecer unha mellor resposta cidadá.
Finalmente, Fernández reiterou a vontade da Xunta de Galicia de seguir traballando da man das entidades locais para atender as súas prioridades, impulsar actuacións que reforcen os servizos básicos no rural e continuar mellorando os equipamentos públicos e a calidade de vida de todos os habitantes de Arbo.

Comparte este artigo