Os establecementos comerciais e hostaleiros poderán participar no concurso de escaparates, mentres que a decoración de Nadal contará con tres modalidades para vivendas e comunidades
As inscricións permanecerán abertas até o 18 e o 17 de decembro, respectivamente, e os premios entregaranse durante a Cabalgata de Reis
O Concello de Fene pon en marcha os concursos de escaparates e de decoración de Nadal 2026-2027, dúas iniciativas coas que se busca favorecer a ambientación das rúas durante as próximas festas e promover a participación tanto dos establecementos comerciais e hostaleiros como da propia veciñanza.
As dúas convocatorias comparten o obxectivo de estender a decoración de Nadal polos diferentes puntos do municipio, aínda que se dirixen a públicos diferentes. O Concurso de Escaparates de Nadal está aberto aos establecementos comerciais e de hostalería, mentres que o III Concurso de Decoración de Nadal permitirá participar a vivendas particulares, comunidades de propietarias e conxuntos residenciais.
A concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira, explicou que “son dúas propostas complementarias, unha que busca implicar ao comercio e á hostalería na ambientación das rúas e a outra que abre esa participación directamente á veciñanza, para que a decoración poida chegar tamén a vivendas, balcóns, portais, xardíns e zonas comúns”.
Coira animou ás persoas e establecementos interesados a consultar as bases e os diferentes prazos de inscrición. “Quixemos establecer modalidades diferentes para que poidan participar propostas moi diversas, desde a decoración dun escaparate ou dunha xanela ata actuacións conxuntas dunha comunidade de propietarias”, indicou.
Concurso de escaparates
No Concurso de Escaparates de Nadal 2026-2027 poderán participar todos os establecementos comerciais e de hostalería do municipio que conten cun escaparate á vía pública e manteñan a súa actividade durante o período do concurso.
Para que a convocatoria poida desenvolverse será necesaria a participación dun mínimo de dez escaparates. Os establecementos interesados deberán presentar a correspondente ficha de inscrición (dispoñible en fene.gal) no rexistro municipal, presencialmente no caso das persoas físicas ou a través da sede electrónica para as persoas xurídicas, ata as 14.30 horas do 18 de decembro.
Xunto coa solicitude deberá achegarse unha fotografía do escaparate participante. No caso de non remitila a través da sede electrónica, poderá enviarse ao correo desenvolvemento.local@fene.gal.
Os escaparates deberán permanecer decorados con motivos tradicionais de Nadal, sen modificacións, desde o 18 de decembro de 2026 ata o 6 de xaneiro de 2027.
O xurado valorará a orixinalidade e creatividade, o traballo e esforzo, o espírito do Nadal e a composición baseada na tradición popular, a utilización de materiais de reciclaxe e a iluminación, cun máximo de cinco puntos en cada apartado.
O concurso contará cun único premio, composto por un trofeo, unha entrevista e un vídeo promocional do establecemento gañador.
Ángeles Coira sinalou que “a finalidade do concurso non é unicamente valorar a decoración, senón tamén dar visibilidade aos establecementos participantes e contribuír a facer máis atractivas as zonas comerciais durante unhas semanas especialmente importantes para o comercio e a hostalería”.
Tres modalidades para a decoración das vivendas
Paralelamente, o Concello convoca a terceira edición do Concurso de Decoración de Nadal, dirixido ás persoas maiores de idade con domicilio en Fene, así como ás comunidades de propietarias e conxuntos residenciais.
A convocatoria establece tres modalidades. A primeira estará destinada á decoración integral de vivendas unifamiliares; a segunda, a elementos individuais, como balcóns, xanelas ou portais visibles desde o exterior; e a terceira, ás comunidades ou conxuntos residenciais, que poderán presentar decoracións de zonas comúns ou de varios inmobles. Cada participante poderá concorrer unicamente nunha das tres modalidades.
As inscricións poderán realizarse a través do correo electrónico desenvolvemento.local@fene.gal, enviando o formulario establecido nas bases e unha fotografía da decoración. O prazo permanecerá aberto ata o 17 de decembro.
As decoracións deberán estar expostas entre o 18 de decembro e o 6 de xaneiro, ambos incluídos, ser visibles desde o exterior e incorporar iluminación. As persoas participantes terán liberdade para escoller a técnica e o estilo, sempre que a proposta garde relación directa co Nadal e non supoña perigo para as persoas viandantes.
A partir do 21 de decembro, o xurado realizará visitas en horario nocturno para valorar as propostas. Teranse en conta a creatividade e orixinalidade, a iluminación, o emprego de materiais de reciclaxe e a composición baseada na tradición popular. No caso de decoracións empregadas en edicións anteriores, valoraranse unicamente as novas incorporacións, achegas ou disposicións.
Premios para cada modalidade
O III Concurso de Decoración de Nadal contará cun premio para cada unha das categorías. Na modalidade de vivenda unifamiliar entregarase unha cesta de produtos gourmet por cortesía de Bodegas Barral; na de elementos individuais, unha cesta de produtos por cortesía de Eroski Center; e na de comunidades ou conxuntos residenciais, unha cesta de produtos por cortesía da Cooperativa Santa María do Val.
Tanto os premios deste concurso como o correspondente ao de escaparates serán entregados o 5 de xaneiro, durante a celebración da Cabalgata de Reis.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou o carácter participativo das dúas convocatorias. “Os concursos ofrecen unha maneira sinxela de que establecementos, familias e comunidades se impliquen na ambientación destas datas e permiten que as decoracións se estendan por diferentes rúas e parroquias do municipio”, explicou.
Permuy incidiu tamén na importancia de facilitar a participación a través de propostas adaptadas a diferentes realidades. “Non é necesario realizar unha decoración de grandes dimensións: pode participar desde unha persoa que decore unha xanela ou un balcón ata unha comunidade que prepare conxuntamente os seus espazos comúns. O importante é que quen queira sumarse coñeza as modalidades, os prazos e os requisitos establecidos nas bases”, sinalou.
Os veredictos dos dous concursos serán difundidos a través das canles municipais, unha vez realizadas as correspondentes valoracións dos xurados. As persoas e establecementos participantes deberán manter as súas decoracións ata o 6 de xaneiro conforme ás condicións establecidas nas respectivas convocatorias.

