Persoal da brigada de Vías e Obras do Barco de Valdeorras trasladouse ata o lugar para adoptar as medidas necesarias e máis urxentes, procedendo ao corte do tráfico e á instalación dos avisos correspondentes
A institución provincial tamén está xa en contacto cos servizos de emerxencia e co resto de administracións públicas implicadas para garantir a seguridade da veciñanza na zona e que poidan ver atendidas as súas necesidades
A Deputación de Ourense está a estudar as medidas a adoptar, con carácter de urxencia, para abrir de novo ao tráfico a estrada provincial OU-0807, que une Vilamartín de Valdeorras con San Vicente, logo de que esta mañá colapsara un treito da vía como consecuencias das intensas choivas rexistradas na zona.
A mediodía de hoxe, a Área de infraestruturas da Deputación recibiu un aviso do Concello de Vilamartín, no que se informaba de que o cauce do río Leira aumentara considerablemente, ata o punto de que a auga xa discorría por encima da calzada no quilómetro 4+100.
A infraestrutura de drenaxe existente neste punto da estrada non resistiu a avalancha de auga e arrastres de entullos, o que motivou o colapso da vía.
De inmediato, persoal da brigada de Vías e Obras do Barco de Valdeorras, xunto con maquinaria, trasladouse ata o lugar para adoptar as medidas necesarias e máis urxentes, aínda que ata deixe de chover coa intensidade das últimas horas só puido procederse ao corte do tráfico e á instalación dos avisos correspondentes.
Unha vez que as condicións o permitan, os técnicos da Deputación avaliarán os danos rexistrados e formularán as medidas máis inmediatas a adoptar, de modo que se poidan executar obras de emerxencia para restablecer o tránsito por esta estrada.
A Deputación tamén está xa en contacto cos servizos de emerxencia e co resto de administracións públicas implicadas para garantir a seguridade da veciñanza na zona e que poidan ver atendidas as súas necesidades a través dunha pista forestal, xa que a vía municipal do Mazo que podería servir de alternativa tamén presenta riscos.

