Da Silva destaca que o Bloque xa conseguiu impulsar o proxecto para acondicionar a N-550 ao seu paso por Arcade, mais advirte de que é só o primeiro paso para converter a estrada nunha rúa e non nunha barreira
A cabeza de lista do BNG ao Congreso, Carme da Silva, reclamou hoxe máis forza do Bloque nas Cortes para completar a transformación da Avenida de Castelao de Arcade nun boulevard. Nunha visita á N-550, acompañada polo alcalde de Soutomaior Manu Lourenzo e pola número tres da candidatura ao Congreso María Obelleiro, defendeu que a mellora actualmente en marcha – un proxecto que a formación nacionalista conseguiu impulsar en Madrid-, debe ser o comezo dunha reforma máis ampla da estrada, con novas intervencións que permitan recuperala na súa totalidade para a veciñanza e superar a división que provoca no núcleo urbano.
“Esta infraestrutura viaria para Madrid é a N-550, para Soutomaior é a Avenida de Castelao. Iso é o que marca a diferenza: que teña un proxecto que a converta no que ten que ser, unha rúa, a rúa central de Arcade, que desde Madrid ven como unha barreira e só conciben para que circule o tráfico”, afirmou. Da Silva subliñou que o proxecto conseguido polo BNG é un primeiro avance, mais insistiu en que queda moito por facer: “Temos que conseguir presionar para que se resolva a Avenida de Castelao completa e non só este tramo inicial”.
A candidata nacionalista puxo este exemplo para reivindicar a importancia de que Galiza teña máis peso político no Estado e unha representación capaz de conseguir actuacións concretas, non só de levar as demandas galegas ás institucións. “Galiza necesita dar un salto no seu peso político e contar cunha representación que non se conforme con poñer os problemas galegos na axenda estatal, senón que teña capacidade para conseguir solucións e facer cumprir os compromisos adquiridos”, defendeu. Nese sentido, destacou que o traballo do BNG en Madrid xa permitiu desbloquear demandas que levaban décadas agardando e “que é necesario seguir tendo capacidade de presión para completar os proxectos”.
Pola súa banda, o alcalde de Soutomaior salientou que a transformación da N-550 é unha reivindicación histórica do municipio que leva máis dun cuarto de século agardando por unha solución. “Para Soutomaior é unha demanda que leva máis dun cuarto de século agardando e, desde logo, para o BNG é unha satisfacción ver como despois de 25 anos de sucesivos gobernos nos que ninguén moveu ficha, a nosa representante nas Cortes foi quen de darlle o pulo definitivo a unha infraestrutura como esta para Arcade”, sinalou. Ao seu xuízo, a intervención vai supoñer “un antes e un despois, tanto no tráfico como na mobilidade do noso concello”.
O BNG defende que a actuación proxectada debe ter continuidade con novas intervencións que permitan completar a mellora integral de toda a lonxitude da Avenida de Castelao e avanzar cara ao grande eixo urbano de convivencia que precisa Arcade. O obxectivo da forza nacionalista é deixar atrás un modelo no que a estrada funciona como unha barreira que divide o núcleo e prioriza o paso dos vehículos para dar paso a un espazo máis seguro, accesible e pensado para as persoas, que favoreza tamén a actividade comercial e a vida no centro da vila.
A candidata nacionalista considera que para facer realidade esa transformación é imprescindible combinar o traballo institucional do Concello coa capacidade de presión nas Cortes para que o Ministerio de Transportes cumpra os compromisos e dea continuidade aos investimentos. Por iso, Carme da Silva chamou a reforzar o apoio ao BNG o 29N: “Máis forza en Madrid significa máis capacidade para defender o que necesita Soutomaior e para que Galiza deixe de depender de promesas que non chegan se non hai un peso político determinante”.

