A historia agochada baixo o parque do Aguncheiro comeza a saír á luz. Os traballos arqueolóxicos realizados durante as últimas semanas neste enclave de Mougás permitiron sacar á luz unha pequena parte dunha gran salina de época romana, un descubrimento que achega novas evidencias sobre a explotación dos recursos mariños na costa galega durante a Antigüidade.
Nunha superficie de 100 metros cadrados, os arqueólogos documentaron o pavimento da antiga explotación salineira e diversas estruturas asociadas á produción de sal, entre elas restos dos muros que delimitaban os tanques de cristalización. A intervención foi executada pola empresa Tempos Arqueólogos baixo a dirección técnica de Mario César Vila e Guadalupe Castro, contando ademais coa dirección facultativa de Noelia Goce.
O descubrimento vén confirmar sobre o terreo o potencial arqueolóxico que xa apuntara unha prospección con xeorradar realizada o pasado mes de xuño por Allen Gontz, profesor da Clarkson University (Nova York). Os datos obtidos mediante esta técnica permitiron identificar anomalías compatibles cunha antiga explotación salineira e formular a hipótese de que o xacemento podería ocupar unha superficie próxima aos 4.000 metros cadrados. A intervención arqueolóxica realizada agora certifica a existencia da salina romana, mentres que futuras campañas deberán determinar a súa verdadeira dimensión e o alcance desta actividade produtiva na costa de Oia.
Para Brais X. Currás, investigador do Instituto de Historia do CSIC e director científico do proxecto, os resultados da escavación son moi positivos porque veñen confirmar a existencia da salina romana localizada no Aguncheiro e apoian a hipótese de que a costa atlántica da antiga Gallaecia estivo ocupada por ducias de explotacións salineiras. Segundo o investigador, a salina do Aguncheiro é unha mostra excepcional da explotación do sal no Imperio romano: “case non existen salinas coñecidas de época romana e a maior concentración documentada está nas costas galaicas”, explica. O arqueólogo do CSIC subliña tamén o enorme interese patrimonial do achado, xa que a súa futura posta en valor permitirá divulgar e achegar á cidadanía un elemento de gran relevancia para comprender o pasado romano do territorio.
A alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal, destacou a importancia deste descubrimento tanto desde o punto de vista patrimonial como para o desenvolvemento cultural e turístico do concello, resultando un novo atractivo para a recén estreada área recreativa de Pedra Rubia.
Un proxecto para recuperar o patrimonio do litoral
Os traballos forman parte do proxecto “Camiños do Sal”, promovido polo Concello de Oia co obxectivo de investigar, escavar, conservar e poñer en valor as antigas salinas romanas do Aguncheiro.
A iniciativa conta cun investimento global de 119.343,65 euros distribuídos ao longo de tres anualidades. Deles, 112.183,03 euros proceden dunha subvención cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), no marco das axudas xestionadas polo GALP Ría de Vigo-A Guarda, mentres que o Concello achega os recursos propios necesarios para completar o financiamento da actuación.
O proxecto pretende avanzar no coñecemento científico deste enclave arqueolóxico, garantir a conservación dos restos descubertos e favorecer a súa divulgación. Os resultados acadados ata o momento permitiron confirmar a existencia da salina romana e documentar parte das súas estruturas, establecendo as bases para futuras actuacións de investigación, protección e apertura ao público.
Próximos pasos
A próxima fase do proxecto permitirá ampliar a área de escavación e continuar investigando a organización e funcionamento da explotación salineira. Os traballos retomaranse na primavera de 2027 e incluirán actuacións de consolidación e conservación das estruturas descubertas.
A recuperación das salinas non se limitará ao ámbito da investigación arqueolóxica. O proxecto contempla tamén diversas accións de divulgación que permitirán á cidadanía achegarse ao pasado romano de Oia a través de visitas guiadas, actividades para centros educativos, publicacións divulgativas, paneis informativos e recreacións virtuais. O obxectivo é converter o Aguncheiro nun espazo de referencia para coñecer como se producía o sal hai case dous mil anos e comprender a importancia desta actividade na economía e na vida das comunidades costeiras da antiga Gallaecia.

