Luis Menor: “Non pedimos favores, pedimos o xusto: servizos que funcionen, comunicacións dignas e un futuro para quenes queiran quedar”

Redacción

· O presidente provincial reivindica en Viana do Bolo un Goberno que coñeza as necesidades do rural e compromete unha defensa de Ourense “con lealdade, pero tamén con esixencia”, con Feijóo na Moncloa

· A cabeza de lista dos populares para o Congreso, Ana Belén Vázquez, chama a concentrar o voto no Partido Popular e a mobilizar cada recuncho da provincia: “Aquí non hai nada ganado, cada voto hai que ir a buscalo, porta a porta, conversa a conversa”

· A xornada electoral incluíu encontros na cidade con antiguos dirixentes deportivos e exdeportistas e co Foro Liceo, coa fin de abordar propostas en materia de deporte, cultura e patrimonio

O presidente provincial do Partido Popular, Luis Menor, reivindicou hoxe en Viana do Bolo un cambio no Goberno de España que permita atender as necesidades do rural ourensán e ofrecer oportunidades ás persoas que queren desenvolver nel o seu proxecto de vida. “Viana non pide favores, pide o xusto: servizos que funcionen, comunicacións dignas e un futuro para os que queren quedar”, afirmou no mitin celebrado nesta localidade.

Menor situou as eleccións do 29 de novembro como unha oportunidade para abrir unha nova etapa da man de Alberto Núñez Feijóo, cun Executivo centrado na vivenda, no emprego, nos servizos públicos e nas infraestruturas. Fronte ao que cualificou de “división, parálise e esquecemento” da provincia durante os gobernos de Pedro Sánchez, defendeu unha maneira de gobernar baseada en “planificar, escoitar e cumprir”.

“Necesitamos un Goberno que coñeza o noso rural, a nosa xente e as nosas necesidades”, sinalou o presidente provincial, quen insistiu en que Ourense reclama igualdade de trato e investimentos que permitan mellorar a vida da súa veciñanza. “Os ourensáns non pedimos privilexios. Pedimos o xusto: ser coma os demais españois”, subliñou.

Neste sentido, comprometeu que o PP provincial manterá a súa capacidade de reivindicación con independencia de quen goberne en Madrid. “A ninguén lle imos deixar a bandeira da reivindicación. Con Feijóo na Moncloa seguirá sendo así. Imos defender Ourense con lealdade, si, pero tamén con esixencia”, asegurou. A diferenza, engadiu, será contar cun interlocutor que xa coñece a realidade da provincia e as súas demandas.

O líder dos populares ourensáns puxo en valor a experiencia de Feijóo á fronte da Xunta e o respaldo recibido en catro maiorías absolutas. “Os que máis o coñecemos temos que ser os que máis o apoiemos”, afirmou, antes de destacar a oportunidade de levar á Presidencia do Goberno “un home dos Peares, que sabe de onde vén”.

Menor vinculou esa experiencia coa estabilidade necesaria para aprobar orzamentos, programar investimentos e ofrecer certezas ás familias, aos concellos e ás empresas. Defendeu, ademais, unha política baseada no diálogo e no respecto: “Podemos discrepar con toda a firmeza e manter todo o respecto. Os adversarios non son inimigos. Queremos que as cousas funcionen”.

Mobilización en cada aldea e concentración do voto

A cabeza de lista dos populares ourensáns para o Congreso dos Deputados, Ana Belén Vázquez, chamou a afrontar o que resta de campaña sen triunfalismos. “Aquí non hai nada gañado. Fóra a confianza, fóra o exceso de optimismo”, advertiu, reclamando un esforzo de mobilización para explicar o proxecto popular en todo o territorio: “Cada voto hai que ir buscalo, porta a porta, conversa a conversa”.

Tamén pediu Ana Belén Vázquez concentrar o apoio no Partido Popular para facer efectivo o cambio político. “Non desperdiciemos nin un só voto. Concentremos as nosas forzas na única alternativa con capacidade de gobernar”, afirmou. Neste contexto, criticou o apoio do BNG á investidura de Pedro Sánchez, que, segundo sostivo, deixou “un balance nulo para Galicia e para Ourense”.

Na súa intervención, Menor destacou o traballo da candidatura ourensá, encabezada ao Congreso por Ana Belén Vázquez e ao Senado por Miguel Santalices, e pediu a todos os seus integrantes “dedicación na campaña e compromiso durante toda a lexislatura”.

No ámbito local, puxo en valor a organización do partido tras o congreso de xuño e o labor do presidente da agrupación de Viana, Marcos Martínez. Así mesmo, destacou a próxima incorporación da concelleira Carmen Conde ao Parlamento de Galicia, no escano que deixa Miguel Santalices, como unha oportunidade para reforzar a presenza e a voz do municipio na Cámara autonómica.

Deporte e cultura na axenda electoral da cidade

A xornada electoral do PP incluíu tamén encontros na cidade de Ourense con representantes dos ámbitos deportivo e cultural. O candidato ao Congreso Roberto González reuniuse con antigos dirixentes de clubs e exdeportistas ourensáns para recoñecer a súa contribución ao desenvolvemento do deporte provincial e recoller as súas achegas.

“O deporte ourensán é o que é grazas ao traballo e á dedicación de moitas persoas que durante anos estiveron á fronte de clubs e asociacións”, destacou González. O candidato defendeu a importancia de preservar esa memoria e seguir contando coa experiencia dos seus protagonistas: “Teñen moito que achegar ao presente e ao futuro do noso deporte”.

Durante a reunión, trasladou as propostas do programa electoral de Feijóo para garantir un financiamento acorde coa importancia social do deporte, fomentar o patrocinio e o mecenado privados e recoñecer a traxectoria dos deportistas de alto nivel que representaron a España, corrixindo os baleiros legais que impediron a súa cotización á Seguridade Social. Tamén expuxo o compromiso de defender que España acolla a final do Mundial de fútbol de 2030, condicionando a participación española na competición a este obxectivo.

Pola súa banda, Celso Delgado, Rosa Sánchez, Sonia Ogando e Ricardo González mantiveron un encontro co Foro Liceo para escoitar as súas inquietudes e propostas e abordar as medidas do PP en materia cultural. Os candidatos defenderon unha cultura en liberdade, sen censura nin exclusións por motivos ideolóxicos, coa pluralidade nas institucións culturais e a igualdade de acceso ás axudas e aos espazos públicos como principios. Así mesmo, destacaron as propostas para reforzar a protección do patrimonio material e inmaterial, actualizar a lexislación para garantir a súa conservación e impulsar unha nova Lei de Mecenado que amplíe os incentivos á participación de cidadáns, empresas e fundacións no financiamento da cultura, a ciencia e o deporte.

Comparte este artigo