Os nacionalistas lembran que o coidado do rural “vai máis alá de prometer meter cemento en pistas” e cuestionan o déficit en prestacións básicas como os recortes no Servizo de Emerxencias, que xa só está operativo polas noites no verán
Octavio González recorda que todas e cada unha das propostas feitas polo Bloque desde 2023 foron descartadas polo Partido Popular, a pesar de que “despois o señor Martín as manda executar”
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo abstívose na votación do Orzamento municipal de 2027 no Pleno extraordinario deste martes, ao seren unhas partidas que, tal e como explicou o voceiro nacionalista, Octavio González, “son un claro exemplo de precariedade e abandono para a xente que vive no noso municipio durante os 12 meses do ano”.
Os presupostos deseñados polo Partido Popular volven poñer en evidencia a súa falta de interese polo rural, que é de novo o gran esquecido. “O señor Telmo Martín aposta por uns Orzamentos que son pura propaganda e que só se centran en dúas vilas, esquecéndose por completo do resto das parroquias”, criticou González, que definiu a partida como “un compendio de cifras que se adorna con supostas actuacións que xa foron anunciadas en varias ocasións e que nunca se acaban por facer realidade”.
Os nacionalistas teñen claro que hai outra maneira de facer política, moito máis equitativa, xusta e responsable para todos os veciños e veciñas de Sanxenxo. “Mentres que o señor Telmo Martín mantén uns Orzamentos continuistas no estragamento de recursos, nós temos claro que o rural ten que seguir o buque insignia no vindeiro mandato. Hai que apostar por mellorar servizos e infraestruturas para os milleiros de persoas que residen aquí durante todo o ano”, defendeu Octavio González, que entende que este tipo de xestión non está reñida co mantemento de actuacións encamiñadas ao turismo. Ademais da falta de investimentos no rural (que apenas supera o 3% do Orzamento total), o BNG alertou sobre a intención do Partido Popular de seguir reducindo á mínima expresión prestacións básicas como a seguridade cidadá. “Temos o exemplo do que sucede do Servizo de Emerxencias, ao que se lle adquiren 17 traxes, pero que non pode estar operativo máis alá do verán durante as noites porque o alcalde non quere”, criticou o voceiro do Bloque, que, con respecto ao desprezo ás parroquias, lembrou que “coidar do rural non é só prometer meter cemento en pistas; tamén hai que xestionar para encher as parroquias de cultura, deporte e actividades, algo que este Goberno non fai”. Polo que si aposta Telmo Martín é por promover obras “a toda presa, para a foto, aínda que despois xa presenten deficiencias desde o día seguinte da súa apertura, como sucedeu co Centro Cultural de Nantes”.
O BNG tamén cargou duramente contra o Goberno local por asegurar que os nacionalistas non fan achegas para tratar de mellorar a situación de Sanxenxo. “Todas e cada unha das propostas que presentamos desde 2023, a través de mocións e sacadas a colación nos Plenos, foron desestimadas polo Partido Popular. E moitas delas nin sequera chegaron a ser debatidas, aínda que despois o señor Telmo Martín ordease que se levasen a cabo”, asegurou Octavio González. A mellora da estrada entre Arra e O Catadoiro (Adina), a dotación de aparcadoiros en Noalla, o impulso da senda da Fianteira ou a mellora da seguridade viaria na contorna do CEIP A Florida son só algunhas das medidas que se activaron a raíz das denuncias feitas polo BNG. Os nacionalistas defenden a súa abstención sinalando, ademais, o desacordo co estragamento de recursos por parte de Telmo Martín en proxectos que poderían ser xestionados doutro xeito. “Non estamos dacordo en que se acometa unha actuación de millóns de euros nun parking que servirá para meter máis de 100 vehículos diarios no centro de Portonovo”, puxo como exemplo Octavio González, que tamén puxo en dúbida a xestión da obra da Praza de Abastos.

