- Membros do equipo PROA, residentes de Medicina Familiar e Comunitaria e estudantes resolven dúbidas de usuarios e profesionais baixo a premisa de que certos fármacos non curan catarros nin gripes
- A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés sitúase entre as de menor consumo en adultos en Galicia e conta cun perfil de prescripción máis axustado, aínda que mantén o esforzo para reducir a variabilidade entre servizos
O Centro de Saúde pontevedrés de Virxe Peregrina acolle hoxe unha mesa informativa sobre o uso prudente dos antibióticos co gallo da conmemoración do Día Europeo para o Uso Prudente dos Antibióticos, unha iniciativa coordinada polo Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades -ECDC- que en España impulsa o Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos, dependente do Ministerio de Sanidade e da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios.
Este punto informativo está emprazado durante toda a xornada neste centro de saúde capitalino e dispón de atención directa por integrantes do equipo dos Programas de Optimización de Uso de Antibióticos -PROA-, médicos internos residentes de Medicina Familiar e Comunitaria e estudantes en horario de 10:30 a 12:30 horas. Alí resolven dúbidas, difundindo as cinco recomendacións esenciais para frear as resistencias antimicrobianas: empregar antibióticos unicamente baixo prescrición médica evitando a automedicación, respectar de xeito estrito a dose e a duración do tratamento sen compartilo, depositar os restos sobrantes nos puntos SIGRE das farmacias, non solicitar estes fármacos para cadros gripais ou catarrais e manter as medidas de hixiene e vacinación.
Menor consumo en adultos na Área Sanitaria
No contexto galego -malia que a comunidade se sitúa aínda por riba da media estatal segundo os indicadores do Plan Nacional de Resistencia aos Antibióticos- o consumo descendeu en 2025 tanto na poboación adulta, pasando de 18,26 a 17,39 doses diarias por cada 1.000 habitantes, coma na poboación infantil, que pasou das 15,05 ás 12,52 doses diarias por cada 1.000 habitantes-.
Dentro desta evolución, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés destaca entre as de menor consumo en adultos de Galicia e presenta un perfil de prescripción máis axustado, cun maior emprego de antibióticos de espectro reducido, se ben mantén liñas de mellora para homoxeneizar a variabilidade entre os servizos de Atención Primaria.
Tal e coma subliña a xefa de servizo do centro de saúde Virxe Peregrina e coordinadora do grupo do Programa de Optimización de Uso de Antibióticos -PROA- comunitario de Pontevedra, a doutora Coro Sánchez Hernández, “cada antibiótico que se toma sen necesidade é unha oportunidade que damos ás bacterias para facerse resistentes; e esas bacterias non quedan nunha persoa: circulan na familia, na residencia e no hospital”.
Ineficacia fronte aos virus e prevención
Desde a Atención Primaria da Área Sanitaria incídese en que os antibióticos actúan exclusivamente contra as bacterias e carecen de eficacia fronte aos virus. Polo tanto, non curan catarros, gripes, a COVID-19 nin a maioría das dores de gorxa, bronquites agudas ou otites, procesos de orixe vírica que remiten por si sós.
Nese sentido, a doutora Coro Sánchez aclara que “cando na consulta decidimos non receitar un antibiótico non é por aforrar, senón porque non vai axudar e pode prexudicar; o que sí resulta efectivo é descansar, hidratarse, tratar os síntomas e volver consultar se a febre persiste máis de tres días, ou aparece dificultade para respirar”.
A estratexia do Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades -ECDC- sostén a loita contra as resistencias en tres piares: o uso responsable dos fármacos, a innovación e a prevención. Na práctica diaria, esta prevención tradúcese na vacinación -contra a gripe, a COVID-19, o pneumococo ou o virus respiratorio sincitial, cuxa campaña de outono está activa nos centros de saúde- e en hábitos de hixiene coma o lavado frecuente de mans, a ventilación de espazos pechados e o uso de máscara ante síntomas respiratorios.
Un reto sanitario en Europa e España
A xornada do 18 de novembro, que se celebra desde o ano 2008 marca, ademais, o inicio da Semana Mundial de Concienciación sobre a Resistencia aos Antimicrobianos, promovida pola Organización Mundial da Saúde ata o 24 de novembro. Segundo os rexistros do Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades, as infeccións causadas por bacterias resistentes provocan máis de 35.000 falecementos anuais na Unión Europea.
En España, grazas ao traballo do do Plan Nacional de Resistencia aos Antibióticos e dos equipos dos Programas de Optimización de Uso de Antibióticos, o consumo reduciuse nun 13,8% en saúde humana e nun 60,15% en sanidade animal desde o inicio do plan en 2014, rexistrándose en 2025 un descenso anual do 5,1% en saúde humana, a maior caída desde antes da pandemia da COVID-19.
Pola contra, o Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades advirte de que Europa non está en camiño de cumprir catro dos cinco obxectivos marcados polo Consello da Unión Europea para 2030, tras rexistrarse desde 2019 incrementos de máis do 60% nas bacteriemias por Klebsiella pneumoniae resistente a carbapenémicos e de máis do 5% nas infeccións por Escherichia coli resistente a cefalosporinas de terceira xeración.

