A Área Sanitaria sensibiliza sober a enfermidade pulmonar obstructiva crónica con actividades en Montecelo e no Centro de Saúde de Ribadumia

Redacción
  • O vestíbulo do hospital pontevedrés acolleu unha mesa informativa organizada polo responsable do Servizo de Pneumoloxía do CHUP, o doutor Adolfo Baloira Villar
  • O centro de Atención Primaria ribadumiense celebrou unha charla divulgativa sobre a EPOC dirixida á poboación xeral e a pacientes respiratorios, impartida por profesionais de Enfermaría e Medicina Familiar e Comunitaria

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conmemorou hoxe o Día Nacional da Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica -EPOC- con diversas iniciativas de divulgación e prevención dirixidas á poboación, tanto no ámbito hospitalario coma en Atención Primaria.

No Hospital Montecelo, o vestíbulo principal acolleu unha mesa informativa organizada polo coordinador do servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, o doutor Adolfo Baloira Villar, co obxectivo de achegar información rigorosa aos usuarios sobre esta patoloxía respiratoria e fomentar a detección precoz.

Sesión no centro de saúde de Ribadumia
De xeito paralelo, o centro de saúde de Ribadumia adheriuse á efeméride coa celebración dunha sesión informativa sobre a EPOC dirixida tanto á poboación xeral coma a pacientes con enfermidades respiratorias, que estivo impartida por profesionais de Enfermaría de Atención Primaria deste centro ribadumiense, así coma pola médico de familia Teresa García Sanz, membro do grupo de traballo de enfermidades respiratorias da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria -AGAMFEC-.

Durante a devandita sesión abordáronse cos profesionais de Atención Primaria os principais aspectos clínicos da Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica, detallando aos asistentes os factores de risco asociados, as medidas de prevención máis eficaces e os coidados necesarios para mellorar a calidade de vida das persoas que conviven con esta enfermidade, facendo fincapé na importancia dun seguimento sanitario periódico.

Coidado da saúde respiratoria
Con este tipo de accións coordinadas nos distintos niveis asistenciais, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés refrenda a súa aposta por acadar un maior coñecemento da EPOC entre a cidadanía e sensibilizar sobre a relevancia de coidar a súa saúde respiratoria.

Comparte este artigo