A Xunta reforza a cooperación con Portugal para impulsar os destinos de interior e un modelo turístico máis sostible e internacional

Redacción

— Portugal é o segundo mercado internacional en volume de gasto turístico en Galicia, só por detrás de Estados Unidos


— No que vai de ano, 24.300 peregrinos portugueses xa fixeron o Camiño de Santiago, un 8% máis que no mesmo período de 2025 mentres que o número de turistas portugueses medrou o 3,1% entre xaneiro e setembro deste ano

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe no II Congreso Mundial de Turismo de Interior, que se celebra en Garda (Portugal), nun encontro que serve para afondar nas oportunidades de colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal e reivindicar o potencial dos dous territorios como destinos de interior complementarios, capaces de construír unha oferta turística conxunta, sostible e competitiva.
Durante a súa participación, Xosé Merelles destacou a importancia da cooperación transfronteiriza como ferramenta estratéxica para impulsar o desenvolvemento económico, favorecer a cohesión territorial e aproveitar os recursos naturais, culturais e patrimoniais compartidos.
Así, a cooperación turística entre Galicia e o Norte de Portugal tradúcese en iniciativas concretas nas que participa Turismo de Galicia, orientadas a reforzar a innovación, a sustentabilidade e a competitividade dos destinos de interior e que van máis alá da promoción turística, permitindo avanzar na creación de produtos e experiencias conxuntas, na innovación e na conservación dos recursos que identifican os destinos de interior.
A participación neste congreso cobra especial relevancia polo peso que o mercado portugués ten para Galicia. Portugal é un dos principais mercados internacionais emisores de turistas cara á comunidade e un socio prioritario para seguir avanzando na internacionalización da oferta turística galega. Ata o pasado mes de setembro, máis de 242.000 turistas portugueses visitaron Galicia, un 3,1% máis que nos mesmo período de 2025.
En termos de gasto, Portugal é o segundo mercado internacional en volume de gasto turístico en Galicia, só por detrás de Estados Unidos. En 2025, o gasto total dos visitantes portugueses superou os 230 millóns de euros, un 14% máis que no ano anterior e equivalente ao 9,4% do gasto internacional na comunidade. O gasto medio diario situouse nos 136,5 euros.
A importancia deste mercado tamén se reflicte no Camiño de Santiago. En 2025 expedíronse 22.821 Compostelas a peregrinos procedentes de Portugal, un 1,8% máis que no ano anterior, o que sitúa este país como o cuarto mercado internacional de peregrinos.
Esta evolución positiva continúa en 2026, ano no que se rexistraron xa 24.310 Compostelas de peregrinos portugueses, un 8% máis que no mesmo período de referencia de 2025.

Comparte este artigo