Fita, María, Isabel, Digna, Lola e Peregrina, usuarias do Centro de Día Os Cortizos, inauguraron no CEP Santa Mariña o ciclo de encontros interxeracionais “A nosa memoria” organizado polo Concello dentro da programación municipal do 25N. Durante a sesión, as seis mulleres relatáronlle ao alumnado de 6º de Primaria como era a súa vida na infancia e na mocidade, unha época na que, segundo lembraron, non había “case de nada”. A maioría delas apenas puideron ir á escola, xa que daquela primábase que estudasen os homes mentres as mulleres quedaban a cargo do traballo no campo e as labores da casa. En moitos casos tiñan que facerse cargo tamén dos irmáns máis novos.
A rapazada mostrouse moi participativa e interesouse por coñecer como eran os colexios de antes, os oficios que desempeñaban, a roupa e o calzado que usaban ou os medios de transporte dos que dispoñían. Como peche do encontro, as “avoas” lanzáronlles unha mensaxe clara aos nenos e, de xeito especial, ás nenas: lembráronlles que hoxe son unhas auténticas privilexiadas e animáronas a aproveitar ao máximo a oportunidade de estudar, formarse e decidir o seu propio futuro.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, quixo agradecer expresamente a implicación tanto dos centros educativos como dos centros de día do municipio para facer posible este proxecto. Segundo sinalou a rexedora, “a colaboración entre os colexios e os centros de día é fundamental para construír unha sociedade máis xusta; escoitar de primeira man a historia das nosas maiores permítelle á rapazada valorar os dereitos conquistados e comprender a importancia de seguir avanzando en igualdade desde a infancia”.
Esta iniciativa percorrerá distintos colexios de primaria do municipio, onde recibirán a visita de usuarias dos Centros de Día de Redondela para fomentar a igualdade e o bo trato a través do diálogo entre xeracións.

