A Xunta pon en valor a tramitación ambiental dos parques eólicos de Galicia, avalada polo supremo e o Tribunal de Xustiza da Unión Europea

Redacción
O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, responderá no Pleno unha pregunta relacionada coa actividade do seu departamento.

Explica que no marco de procedementos contencioso-administrativos como os derivados de recursos contra resolucións de autorizacións de proxectos eólicos se poden incorporar informes elaborados por expertos independentes

A Xunta de Galicia pon en valor a tramitación ambiental dos parques eólicos realizada na Comunidade e que foi avalada nos últimos anos tanto polo Tribunal Supremo como polo Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea.

Así o sinalou esta mañá o conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, que respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento galego relacionada con esta cuestión, incidindo en que a normativa ambiental se aplica sempre por parte da Xunta de xeito rigoroso e garantista.

Así mesmo, explicou que en procedementos contencioso-administrativos, como os derivados de recursos contra resolucións de autorizacións autonómicas de proxectos eólicos, é unha práctica habitual que as partes incorporen informes elaborados por expertos independentes. Este tipo de documentos axudan aos órganos xudiciais a analizar os procedementos e adoptar as decisións que correspondan.

Neste sentido, explicou que este tipo de análises periciais non forman parte da tramitación para autorizar ambientalmente os proxectos, que corresponde en exclusiva aos técnicos autonómicos.

Así mesmo, o conselleiro tamén sinalou que a Xunta pode contratar traballos de apoio material no marco das autorizacións ambientais que en ningún caso substitúen o exercicio das potestades públicas. Por último, fixo fincapé en que o Goberno galego ten claras as funcións reservadas unicamente para as persoas funcionarias, ás que lles corresponde tramitar, valorar e resolver os expedientes.

Comparte este artigo