A actividade, na que participaron 50 persoas da rede de voluntariado e do movemento vecinal, permitiu coñecer de primeira man os procesos de tratamento, separación e recuperación de residuos municipais e electrónicos.
A Rede de Voluntariado COIDAMOS do Concello de Mos realizou este mércores, 18 de novembro, unha visita técnica a dúas instalacións de xestión e tratamento de residuos situadas en Cerceda (A Coruña), co obxectivo de coñecer de primeira man que ocorre cos residuos unha vez que se depositan nos sistemas de recollida e como se desenvolven os procesos para o seu tratamento e recuperación.
A xornada, organizada polo Concello de Mos en colaboración con APROEMA e na que participaron 50 persoas da rede de voluntariado e do movemento veciñal, comezou ás 11.00 horas no complexo ambiental de SOGAMA, onde foron recibidos polo seu presidente Javier Domínguez Lino. Alí, as persoas participantes, acompañadas pola concelleira de Medio Ambiente, Laura Méndez, coñeceron o percorrido dos residuos urbanos, os procesos de separación de materiais e recuperación de recursos, así como o tratamento da fracción non reciclable.
Pola tarde, ás 15.30 horas, o grupo desprazouse ata a planta de PREZERO, especializada no tratamento de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Durante esta segunda visita, puideron coñecer os procedementos de desmontaxe destes dispositivos e a recuperación de materiais que poden volver aproveitarse.
O programa permitiu achegarse a dous ámbitos diferentes da xestión dos residuos: os municipais e os procedentes de aparellos eléctricos e electrónicos. Deste xeito, as persoas participantes na actividade puideron comprender mellor a importancia de separar correctamente os residuos e coñecer os procesos que se desenvolven para facilitar o seu tratamento e posterior aproveitamento.
Esta visita forma parte das actividades de formación e sensibilización ambiental da Rede de Voluntariado COIDAMOS do Concello de Mos, que continúa así achegando á veciñanza á realidade da xestión dos residuos e promovendo hábitos responsables co medio ambiente.

