Tui pon o foco nas novas formas de violencia contra as mulleres co gallo do 25N

Redacción

A artista Paula Mayor é a autora do cartel oficial da campaña que ten por lema “Sé parte da solución”

“Sé parte da solución” é o lema da programación organizada polo Concello de Tui co gallo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. A campaña incorpora unha mensaxe directa de respecto, responsabilidade e compromiso, e pon especial atención nas novas formas de violencia que afectan ás mulleres e ás nenas, especialmente no ámbito dixital, pero tamén na explotación sexual e na submisión química.
O cartel oficial, obra da artista Paula Mayor, está dirixido especialmente á adolescencia e utiliza unha linguaxe visual próxima á mocidade para visibilizar diferentes manifestacións da violencia machista. A imaxe representa tres mozos e mozas que sosteñen teléfonos móbiles nos que aparece unha mensaxe inequívoca: “NON”. Arredor deles aparecen símbolos e referencias á violencia dixital, á explotación sexual e á submisión química.
A campaña, que se desenvolverá do 23 de novembro ao 3 de decembro, pretende chamar a atención sobre realidades que non sempre se identifican como violencia, promover a capacidade para recoñecelas e transmitir unha mensaxe fundamental: a prevención e a erradicación das violencias machistas son unha responsabilidade colectiva.
A programación prevista ábrese coas xornadas “A violencia que se esconde tras a pantalla. Violencias machistas na era dixital: redes sociais, intelixencia artificial e novas formas de violencia contra as mulleres e as nenas”. Celebraranse o próximo luns 23 e martes 24 de 18 a 20 h na Sala Félix Rodríguez, no edificio Francisco Sánchez, con entrada libre até completar o aforo.
O mércores 25 de novembro, ás 19 h, no edificio municipal da Praza da Inmaculada. celebrarase o acto institucional do 25N. Incluirá a lectura do manifesto e a proposta artística “Corazón” de Iria Sobrado, acompañada musicalmente por alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui, que achegará unha mirada escénica á forza, á resistencia e á capacidade das mulleres fronte ás violencias machistas. O acto pecharase coa actuación de Sheila Patricia, nunha convocatoria que combina reivindicación institucional, expresión artística e cultura para visibilizar o compromiso colectivo coa erradicación das violencias contra as mulleres.
A programación continuará os días 26 e 27 de novembro, ás 19.00 horas, no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, con dúas propostas. O xoves 26, en colaboración, co Cineclub Tui proxectarase a película “La buena hija” dirixida por Júlia de Paz Solvas, e o venres Comediantes Denigrantes representarán “O que calamos”.
Para público familar o luns 30 Marisa Irimia presentará na Sala Municipal de Exposicións o obradoiro infantil “Nin máis nin menos”.
O martes 1 de decembro celebrarase no IES San Paio unha charla formativa “Sementes de cambio. Erradicando a violencia sexual” financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade.
A programación do 25N pecharase o xoves 3 de decembro no club de lectura feminista “Tempo de mulleres” coa presentación do libro Fillas de Eva de Xulia María Barros.
A programación do 25N forma parte dunha estratexia municipal máis ampla que pretende estender a educación en igualdade e a prevención das violencias machistas ao conxunto da sociedade e aos diferentes ámbitos da vida cotiá. Nese ámbito no marco do Plan Corresponsables, estase a realizar programa de formación en todos os centros educativos de Educación Primaria e Secundaria do municipio. Desenvolverase unha campaña de alto impacto sobre corresponsabilidade e está a piques de culminar a elaboración do primeiro Plan de Igualdade do persoal municipal.
Con esta programación, o Concello de Tui reafirma o seu compromiso cunha política de igualdade que non se limite á conmemoración do 25 de novembro, senón que se traduza en formación, prevención, sensibilización e actuacións concretas ao longo de todo o ano.
A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, conclúe sinalando que “as violencias machistas non desaparecen só con condenalas. É necesario identificalas, educar para non reproducilas, responsabilizarnos colectivamente e actuar fronte a elas”.

Comparte este artigo