Será o do sorteo deste sábado 21 de novembro, do que se puxeron á venda 10 millóns de décimos
O décimo da Lotería Nacional deste sábado, 21 de novembro, está dedicado ao oitavo centenario da consagración da Catedral de Tui. Este mediodía ao alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicentes, a delegada comercial de Loterías y Apuestas del Estado en Vigo, Ainhoa de Román, e o deán da Catedral, José Diéguez Dieppa, presentaron este décimo que recolle unha fotografía da fachada principal da Catedral.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, na súa intervención, agradeceu a Loterías a emisión deste décimo dedicado “a un dos grandes emblemas patrimoniais de Tui” respondendo á solicitude realizada dende o Concello de Tui con motivo deste destacado aniversario. Agradeceu a colaboración e implicación das autoridades do conxunto catedralicio nesta conmemoración e avanzou que esta efeméride se prolongará até o ao 2027, coincidindo co ano Xacobeo” xa que precisa “dunha maior difusión e maior relevancia, e debe ser de carácter bianual”.
A concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, destacou a importancia de poder contar cun décimo dedicado a esta efeméride da Catedral pola contribución á súa promoción.
O deán da Catedral, José Diéguez Dieppa, agradeceu tamén a Loterías dedicar este décimo ao oitavo centenario da dedicación da Catedral e destacou como a “Catedral une” e avanzou como están inmersos no proxecto de creación de Tude, o Museo Diocesano e Catedralicio.
A delegada comercial de Loterías y Apuestas del Estado en Vigo, Ainhoa de Román destacou o firme compromiso de Loterías coa cultura, especialmente coa conservación e difusión do patrimonio histórico-artístico, promovendo aqueles acontecementos e conmemoracións que definen a identidade colectiva do noso país. Ao mesmo tempo, puxo de manifesto o compromiso de Loterías coa sociedade, xa que este tipo de iniciativas axudan a cohesionar a cidadanía arredor duns valores comúns.
Explicou que a celebración deste aniversario é unha oportunidade única para achegar o legado artístico de Tui a millóns de persoas a través dun soporte tan popular como o décimo de Lotaría Nacional.
Para o sorteo deste sábado 21 puxéronse á venda 10 millóns de décimos que levarán a toda España o VIII Centenario da consagración da Catedral de Tui. Este sábado repartiranse 42 millóns de euros en premios, entre eles un primeiro premio de 600.000 euros por serie e un segundo de 120.000 euros por serie.

