O BNG esixirá en Madrid a derrogación íntegra das reformas laborais, o aumento do salario mínimo e a redución da xornada

Redacción

Reivindica votar nas Eleccións Xerais do 29N para reverter as políticas antiobreiras aplicadas e mantidas polos sucesivos Gobernos españois, nun encontro sindical en Vigo

Anxo Iglesias: “Hoxe ter un emprego non garante a subsistencia material e digna”

Xabier P. Igrexas: “Chamamos a un apoio masivo da clase traballadora de Vigo ao BNG para lograrmos algo revolucionario: facer posíbeis os cambios que son necesarios”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixirá en Madrid a derrogación íntegra das reformas laborais, o aumento do salario mínimo, a redución da xornada e a recuperación dos 45 días de indemnización por despido improcedente. A fronte nacionalista trasladou este mércores, nun encontro sindical en Vigo con delegadas e delegadas da CIG, as súas principais medidas para “reverter as políticas antiobreiras e antisociais” aplicadas e mantidas polos sucesivos Gobernos españois.

Así o defenderon o candidato do BNG ao Congreso, Anxo Iglesias, e o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, chamando a votar nas Eleccións Xerais do 29N como clase traballadora, mantendo vivo o masivo reclamo da Folga Xeral, para defender salarios xustos e dereitos laborais fronte ao crecente empobrecemento e precariedade. “Hoxe ter un emprego non garante a subsistencia material e digna”, denunciou Iglesias.

Dende o Bloque comprometéronse a promover no Congreso a aprobación dunha nova lexislación laboral que permita recuperar “todos os avances roubados” e impulsar novos dereitos. Nese obxectivo, destacou como primeiro paso a derrogación absoluta da reforma laboral aprobada polo PP da que, criticou, o autodenominado “Goberno máis progresista da historia” mantivo os seus aspectos máis lesivos.

Iglesias reivindicou ademais avances para dar “máis calidade de vida” ás traballadoras e traballadores como a redución da xornada semanal laboral a 35 horas sen que supoña unha rebaixa salarial, co horizonte de continuar reducíndoa a 32 horas en catro xornadas.Na mesma liña, defendeu a necesidade de aumentar o salario mínimo interprofesional, até os 1.426 euros mensuais, para equiparalo ao 60% do soldo medio e cumprir coa Carta Social Europea.

O programa nacionalista recolle tamén a recuperacióndos 45 días de indemnización, e o máximo de 42 mensualidades, en caso de despedimento improcedente. E reclama a eliminación das Empresas de Traballo Temporal (ETT), as axencias de colocación, a subcontratación en cadea e as falsas e falsos autónomos, así como garantir a igualdade de condicións laborais e retributivas nos Centros Especiais de Emprego.

O voto como “escudo e lanza”

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, apelou a converter o voto o próximo 29N nun “verdadeiro escudo e lanza para que a clase traballadora avance de verdade en dereitos e na mellora das súas condicións de vida”.

“Un escudo fronte aos que nos queren facer retroceder con recortes de dereitos e queren converter este contexto de crise e carestía nun novo saqueo antisocial, e unha lanza para avanzar de verdade en políticas ao servizo do pobo traballador”, explicou.

“Hai quen quere reducir as eleccións a unha escolla resignada entre a ameaza reaccionaria da dereita e a ultradereita e a frustración do máis do mesmo e as políticas impotentes dos últimos anos, pero as traballadoras e traballadores teñen na súa man a posibilidade de cambios de verdade, con políticas en favor da maioría social”, sinalou.

Igrexas reivindicou o traballo realizado polo BNG na última lexislatura “levando a voz da clase traballadora” e chamou a concentrar todo o voto que non se resigna nin se conforma na papeleta do BNG, para lograr que o nacionalismo galego teña un peso decisivo e determinante que permita empurrar políticas valentes de esquerda.

“Chamamos a un apoio masivo da clase traballadora de Vigo ao BNG para lograrmos algo revolucionario: facer posíbeis os cambios que son necesarios, convertendo nas urnas a indignación que latexou no exitosa e masiva folga xeral do 11N nunha forza imparábel para transformar unha realidade inxusta”, remachou.

Comparte este artigo