O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, presidiu as reunións da Comisión Executiva e da Asemblea Xeral do Consorcio no marco dunha xornada de traballo en Valdeorras, dedicada a abordar cuestións de interese para a comarca
As tarifas dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración manteranse en 2027 nos mesmos importes que no presente exercicio, sen incremento económico para os usuarios
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, desenvolveu hoxe unha xornada de traballo na comarca de Valdeorras, na que presidiu as reunións da Comisión Executiva e da Asemblea Xeral do Consorcio de Augas de Valdeorras.
Esta xornada enmárcase no compromiso adquirido por Luis Menor de desprazarse periodicamente ás diferentes comarcas da provincia para abordar sobre o terreo as súas necesidades, manter unha interlocución directa cos seus representantes institucionais e sociais e avanzar naquelas cuestións de interese para cada territorio.
“Presidir a Deputación significa estar presente en toda a provincia, coñecer de primeira man as necesidades de cada comarca e traballar desde a proximidade para darlles resposta. É un compromiso que asumín desde o primeiro día e ao que dou cumprimento de xeito periódico con xornadas de traballo como a de hoxe en Valdeorras”, sinalou Luis Menor.
No marco das reunións do Consorcio de Augas de Valdeorras, celebradas no Barco, aprobáronse, entre outros asuntos, o orzamento xeral da entidade para 2027, que ascende a 1.850.000 euros, así como a modificación das ordenanzas fiscais reguladoras dos servizos que presta o Consorcio, mantendo conxeladas as tarifas de cara ao vindeiro exercicio.
Os acordos adoptados nesta xornada inciden na continuidade e na estabilidade económica dos servizos públicos vinculados ao ciclo integral da auga, garantindo a súa prestación sen incrementar o custo para a cidadanía.
Neste sentido, a Asemblea Xeral aprobou provisionalmente a modificación das ordenanzas fiscais reguladoras das taxas pola prestación dos servizos de depuración de augas residuais no conxunto da comarca de Valdeorras e de abastecemento e saneamento no termo municipal do Barco. Estas modificacións responden exclusivamente a cuestións de carácter técnico, polo que durante 2027 continuarán en vigor as mesmas tarifas aplicadas ao longo de 2026 nos tres servizos.
Así mesmo, deuse luz verde ao orzamento xeral do Consorcio para o vindeiro exercicio, que mantén a súa contía global en 1,85 millóns de euros, e aprobouse inicialmente o regulamento do servizo de saneamento no conxunto dos nove concellos da comarca, unha vez aceptadas as aprobacións iniciais efectuadas individualmente por cada unha das entidades locais.
Entre os asuntos abordados pola Comisión Executiva figura tamén a aprobación das asistencias técnicas para a prestación, durante 2027, dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración que a Deputación de Ourense realiza a través da súa concesionaria, AquaOurense.
Un modelo de cooperación ao servizo de 25.000 habitantes
O Consorcio de Augas de Valdeorras constitúe un instrumento de cooperación interadministrativa para a xestión de servizos públicos esenciais, no que a Deputación de Ourense desempeña un papel fundamental a través da asistencia técnica e da prestación de servizos especializados.
Na actualidade, o Consorcio presta os servizos de abastecemento e saneamento a unha poboación de 13.368 habitantes do municipio do Barco de Valdeorras, mentres que o servizo de depuración de augas residuais abrangue os nove concellos da comarca, cunha poboación de arredor de 25.000 habitantes.
A través deste modelo de colaboración, a Deputación de Ourense contribúe a garantir unha xestión eficiente e sostible do ciclo integral da auga, reforzando a capacidade dos concellos para prestar servizos públicos de calidade e favorecendo a cohesión territorial da provincia.
Alcaldesa de Petín e Asociación Vagalume
Tralo remate da asemblea do Consorcio, o presidente provincial mantivo una reunión coa alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, coa que abordou as liñas de cooperación abertas co Concello.
Ademais, Luis Menor entrevistouse tamén co presidente da Asociación Vagalume, José Fernández, no marco das reunións que mantén coas entidades que traballan no territorio para coñecer as súas necesidades e establecer vías de colaboración.

