Marga Caldas critica o mal uso dos fondos públicos, a falta de planificación e uns investimentos que se presentan como novos cando 154.000 euros corresponden a facturas pendentes de pago
O BNG de Poio considera que o proxecto de orzamentos presentado polo goberno do PP confirma que a xestión do goberno de Ángel Moldes “vai de capa caída”. A portavoz municipal do Bloque Marga Caldas puxo o foco en que as contas municipais recortan en 800.000 euros o orzamento anterior e evidencian a falta de capacidade de xestión e planificación dun goberno local que non está a ser quen de dar resposta ás necesidades reais da veciñanza. “A realidade que debuxan estes orzamentos está moi lonxe da propaganda de Moldes. Non son unhas contas de crecemento nin de impulso para Poio, senón un orzamento á baixa que demostra que o Concello vai para atrás”, sinala.
A formación nacionalista cuestiona a maneira en que o PP presenta os investimentos, xa que dos 154.000 euros que figuran neste capítulo unha parte importante corresponde a facturas pendentes de pagamento. “Non se pode vender como investimento novo o que en realidade son débedas por gastos xa realizados. Son cartos que poderían destinarse a actuacións necesarias para o municipio, pero que quedan comprometidos por unha xestión sen control do gasto”, advirte Caldas. Para o BNG, esta situación volve evidenciar unha vez máis o mal uso dos recursos públicos e a falta de rigor na administración das contas municipais.
A voceira Marga Caldas foi dura con Moldes e preguntou directamente ao alcalde como pensa atender as necesidades de Poio, se xa non o fixo antes e especialmente cando agora dispón de 800.000 euros menos que no anterior orzamento e di que vai baixar os impostos. “Moldes tiña máis cartos e non daba conta do recado. Se con máis recursos non foi quen de resolver os problemas do municipio, como pretende facelo agora?”, cuestiona, subliñando que o discurso do alcalde non se corresponde coa realidade económica que reflicten as propias contas municipais.
As eivas do documento, destaca a nacionalista, son especialmente visibles na ausencia de partidas para cuestións fundamentais que levan anos agardando por unha resposta municipal. O BNG bota en falta recursos para impulsar o planeamento urbanístico, avanzar na colaboración coa Xunta para facer realidade o novo centro de saúde, garantir o mantemento dos espazos singulares do municipio ou desenvolver equipamentos deportivos que o propio goberno leva anos prometendo. “Hai necesidades históricas que volven quedar fóra. Non hai unha aposta clara polo futuro de Poio nin partidas que permitan avanzar en proxectos fundamentais. É un goberno desconectado da realidade, instalado no seu propio mundo de ilusión e empeñado en construír unha realidade paralela a golpe de propaganda”, denuncia a portavoz.
A formación tamén lembra que a presentación dos orzamentos no mes de novembro non pode ser utilizada polo alcalde como un logro político. “Que un goberno con maioría absoluta presente as contas en novembro é cumprir coa súa obriga, non facer ningún mérito nin protagonizar unha excepcionalidade. O que hai que valorar non é cando se presentan, senón para que serven e se dan resposta ao que precisa a veciñanza, algo que, de maneira rotunda e tallante, non fan”, apunta Caldas.
O BNG volve poñer o foco, ademais, nas consecuencias do contrato do ciclo da auga impulsado polo PP, que supón unha perda de control municipal sobre un servizo esencial e sobre a súa recadación. A formación nacionalista critica que o Concello renuncie a capacidade de decisión e control sobre un recurso básico, mentres a veciñanza ten que soportar un incremento da factura que considera un auténtico sablazo. “O PP entrega a xestión e a recadación dun servizo fundamental e traslada o custo das súas decisións aos petos das familias. É outro exemplo dunha maneira de gobernar que non defende os intereses da veciñanza nin administra con responsabilidade os recursos públicos”, sostén.
Para o BNG, o proxecto orzamentario é unha nova mostra dun goberno local máis preocupado por vender unha imaxe de xestión ficticia que por resolver os problemas cotiáns da veciñanza. A falta de planificación, as promesas incumpridas, a ausencia de investimentos en equipamentos e servizos necesarios e o mal control do gasto debuxan, ao seu xuízo, un Concello que perde capacidade de actuación mentres acumula demandas sen atender. “Poio precisa un goberno que planifique, que priorice e que saiba en que gasta cada euro. Non máis propaganda nin anuncios que despois non se traducen en actuacións. Estes orzamentos confirman que, detrás da fachada que pretende vender Moldes hai un municipio que segue sen recibir a atención e os investimentos que merece”, conclúe Marga Caldas.

