Rexeita o aumento sen precedentes do gasto militar “ao ditado da OTAN e dos Estados Unidos” e denuncia recortes de políticas sociais e servizos públicos esenciais
Roberto Pascual: “A escalada militarista ten consecuencias directas como o encarecemento dos prezos, a suba do combustíbel e a carestía da vida”
Xabier P. Igrexas: “De pouco serve dicir que se lle planta cara a Trump se despois destinamos miles de millóns de euros a engordar os beneficios da industria armamentística”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) defenderá en Madrid máis investimentos sociais fronte ás “políticas da guerra” das forzas estatais. A fronte nacionalista rexeita o aumento sen precedentes no gasto militar rexistrado nos últimos anos que, denuncia, supuxo recortes milmillonarios nas políticas sociais e nos servizos públicos esenciais.
Un compromiso que reafirmaron este martes, no marco da campaña das Eleccións Xerais do 29N, cunha acción simbólica fronte á Comandancia Naval de Vigo. “Non se pode defender a paz mentres se destinan miles de millóns de euros a alimentar a maquinaria da guerra”, subliñou o candidato do BNG, Roberto Pascual, asegurando que “cada céntimo destinado a armamento se detrae da sanidade ou da educación”.
Nese sentido, Pascual criticou que o “autodenominado como Goberno máis progresista da historia” gaste a día de hoxe 25 veces máis diñeiro público en gasto militar que para políticas de vivenda. Advertiu das consecuencias destas “políticas da guerra” para a vida das galegas e galegos que se reflicten no encarecemento dos prezos, a suba do combustíbel e a carestía da vida.
Cuestionou a ese respecto o suposto desacordo do Goberno estatal coas esixencias de Donald Trump, lembrando que o Consello de Ministros aprobou un aumento de 24.000 millóns de euros para gasto militar só no último trimestre. Unha decisión que, alertou, se agravaría coa chegada da dereita ultraespañolista ao Executivo central. “Terán o BNG enfronte como forza pacifista e antiimperialista, apostando polo respecto á soberanía nacional dos pobos e pola resolución pacífica dos conflitos”, defendeu.
Nese camiño, dende a fronte nacionalista continuarán a reclamar nas Cortes a saída do Estado español da OTAN e a disolución desa alianza, así como avanzar no proceso de desmilitarización de Galiza coa devolución paulatina de todos os espazos para uso civil e o seu traspaso á Xunta, entre outras propostas do programa do Bloque.
Puxo en valor a “coherencia e firmeza” do BNG no Congreso, durante a última lexislatura, en contra desta escalada militarista que “obedece á subordinación do Estado español aos ditados da OTAN e dos Estados Unidos”. Lembrou que a fronte nacionalista estivo presente en Vigo en todas as mobilizacións sociais pola paz e contra o gasto militar, entre elas para rexeitar o desfile militar do pasado mes de maio na cidade.
Fin do cinismo
De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reclamou un apoio masivo á fronte nacionalista o 29N para “poñer fin ao cinismo político dos que se reivindican pacifistas, pero na última lexislatura xa enterrou 110.000 millóns de euros en gasto militar”. “De pouco serve dicir que se lle planta cara a Trump se despois destinamos miles de millóns de euros a engordar os beneficios da industria armamentística estadounidense”, enfatizou.
Igrexas defendeu que un BNG decisivo en Madrid vai ser unha voz firme pola paz e defenderá a priorización do gasto en políticas sociais. “Pasamos de salvar a grande banca a lucrar sen límite á industria da guerra. É hora de rescatar á xente, a maioría social que representan as clases traballadoras, con máis política social e máis e mellores servizos públicos”, remachou.

