Salceda mellora as axudas de emerxencia municipais

Redacción

O límite da renda de alugueiro para poder acceder a estas axudas increméntase de 450 a 600 € mensuais.

Incorpórase a posibilidade de financiar actuacións para a dotación de servizos básicos de accesibilidade, eficiencia enerxética e hixiene no fogar.

O Concello de Salceda de Caselas levou adiante en sesión plenaria, e por unanimidade de todos os grupos políticos, a aprobación inicial da modificación do Regulamento municipal de axudas de emerxencia social. Esta actualización busca adaptar o marco legal á realidade económica actual da veciñanza, así como ampliar a cobertura e responder ás situacións de vulnerabilidade con maior efectividade. O prazo para presentar alegacións permanece aberto ata o 16 de decembro, e o texto pode consultarse no taboleiro da sede electrónica do Concello.

En palabras da alcaldesa, Loli Castiñeira: “con esta revisión integral, reforzamos a rede de protección social, adaptando o acceso da veciñanza ás axudas sociais e axustándoo ás necesidades reais e á diversidade de situacións de urxencia que lle poden afectar a cada familia, con unha especial atención ás dificultades que poidan producirse no dereito á vivenda”.

A través dos Servizos Sociais municipais, e moi especialmente do traballo desenvolvido polas traballadoras sociais, o Concello proporciona atención e apoio a quen atravesa momentos de dificultade económica que impiden facer fronte a determinados gastos fundamentais. Durante o Pleno, a concelleira de benestar social, Selene González, quixo agradecer expresamente o traballo técnico e o compromiso amosado polo equipo de Servizos Sociais no traballo de modificación desta Ordenanza.

Estas axudas económicas deben entenderse como un instrumento e non como un fin en si mesmo, funcionando como un recurso de integración social de carácter extraordinario e puntual, e nunca de forma periódica.

A modificación aprobada introduce melloras significativas en diversos ámbitos de atención prioritaria:

  • Vivenda e subministracións: ante a dificultade de mantemento do fogar, a contía máxima da cota mensual do alugueiro  ou hipoteca para poder acceder a esta axuda elévase de 450 a 600 euros. Ademais, incorpórase a posibilidade de financiar actuacións para a dotación de servizos básicos de accesibilidade, eficiencia enerxética e hixiene no fogar.
  • Alimentación e servizos básicos: ás xa existentes axudas para a compra de alimentos e produtos de hixiene e limpeza, engádese agora a cobertura de servizos de restauración para aquelas persoas que, por circunstancias debidamente xustificadas, non poidan preparar os alimentos por si mesmas.
  • Saúde e tratamentos complementarios: a partir de agora será posible financiar de xeito puntual tratamentos para enfermidades dexenerativas (fisioterapia, psicoloxía, logopedia e outras disciplinas complementarias ao servizo médico).
  • Educación e necesidades básicas: a Ordenanza suma a posibilidade de financiar de forma excepcional roupa e calzado, así como axudas ao estudo para persoas que cursen a súa formación en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Gastos funerarios: amplíanse as explicacións dos gastos que se poden chegar a financiar no caso de axuda económica para un enterro e o servizo funerario básico.
Comparte este artigo