O concello de Nigrán ofrece este sábado a obra de teatro “Retablo do esperpento” a cargo de Noitebras

Redacción

Trátase dunha adaptación de dúas obras de Valle-Inclán fundidas nesta única peza

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 28 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a obra ‘Retablo do esperpento’ da compañía viguesa Noitebras teatro. O grupo adéntrase no universo de Valle-Inclán e adapta dúas das súas obras: ‘Ligazón’ e ‘Rosa de Papel’, incluídas no ‘Retablo da Luxuria, a Avaricia e a Morte’, fundíndoas nunha única peza teatral: ‘Retablo do Esperpento’. A entrada é de balde ata completar aforo.

Nunha familia de meigas, unha moza resístese ás argucias da súa tía e da súa nai, que argallan para obter beneficio dos agasallos que un ricacho ofrece a cambio dos favores da virxe. Para reafirmarse na súa liberdade a moza déixase facer as beiras por un humilde afiador, pero unha noite de luarada, servíndose dos seus poderes de meiga, adiviña como sería o seu futuro e decide facer un lixeiro cambio de plans no seu destino a través dunha ligazón. Isto é, dun pacto de sangue. Valle-Inclán escribiu: “Quen sabe do pasado sabe do porvir”. E nós, atrevémonos a engadir: “As decisións do presente mudan o futuro”. Ou acaso somos incapaces de burlar o noso fado?

Noitebras Teatro

Os compoñentes de Noitebras Teatro, inician a súa traxectoria teatral na Escola Municipal de Teatro de Vigo e outras escolas dramáticas da comarca do Baixo Miño coas que representaron diversas obras durante varios anos. En 2022, deciden montar un grupo de teatro amador: Noitebras Teatro. A súa experiencia escénica compleméntase coa autoría, montaxe e representación de varias pezas dramáticas propias: ‘Busco Muller’ 2022, ‘Noitebras’ 2023 e ‘Mentalmorbose’ 2024. ‘Retablo do Esperpento’ estreouse na Coruña en abril de 2026. Como parte da xira de 2026, chega agora ao Concello de Nigrán.

Comparte este artigo