O concello de Salvaterra de Miño reforza o seu parque móbil cun novo tractor rozadora e dúas rozadoiras eléctricas

Redacción

A maquinaria, destinada á limpeza de camiños, sendas e franxas de seguridade, supuxo un investimento total de 19.317,65 euros.

A actuación conta cunha achega de 11.590,59 euros da Xunta de Galicia, cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea a través do programa Galicia Feder 2021-2027.

O Concello de Salvaterra de Miño vén de recibir a nova maquinaria adquirida para reforzar os labores de limpeza preventiva e mantemento no municipio. A empresa adxudicataria do contrato de subministración xa fixo entrega dun tractor rozadoira 4×4 e de dúas rozadoiras eléctricas equipadas coas súas correspondentes baterías e cargadores.

A incorporación deste novo equipamento ten como obxectivo principal optimizar o mantemento das contornas das vías e dos camiños municipais. Así mesmo, a maquinaria contribuirá á conservación das franxas de seguridade no viario e nos núcleos de poboación, ademais de facilitar a limpeza non arbórea de parcelas e das diferentes sendas coas que conta o termo municipal.

Maior axilidade e acceso a zonas complexas

Segundo destacan desde o goberno local, as características técnicas deste tractor rozadoira 4×4 ofrecen unha vantaxe operativa importante. O seu tamaño compacto e a súa facilidade de manobra permítenlle acceder a espazos estreitos ou complexos aos que un tractor convencional non pode entrar, logrando que os traballos sexan moito máis rápidos e eficaces que mediante a roza manual.

Financiamento europeo e autonómico

A adquisición desta maquinaria contou cun orzamento total de 19.317,65 euros. Para facer fronte a este investimento, o Concello obtivo unha subvención de 11.590,59 euros ao abeiro da orde da Xunta de Galicia destinada ás entidades locais para a compra de vehículos, adaptacións e maquinaria vinculada á prevención de incendios forestais. Esta liña de axudas está cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

Comparte este artigo