A proba do Circuíto Run Run do Concello de Vigo deste sábado pecha hoxe ás 24.00 horas as inscricións
Todo o diñeiro acadado será dedicado a un innovador programa de intervención que está a desenvolver a Asociación Érguete con La Canalla para traballar coas persoas usuarias a través da suprarreciclaxe, é dicir, transformar algo usado nun produto de maior valor
A Érguete e Corre será a actividade grande de Vigo para celebrar a xornada de reflexión do sábado. A proba do Circuíto Run Run Vigo cumpre este 2026 dez edicións, un número redondo que pon en valor a iniciativa solidaria que iniciaron dende a entidade viguesa para sacar, de novo, a súa mensaxe ás rúas. A proba comezará na Alameda de Bouzas ás 10.00 horas e estreará así un circuíto que irá á beira do mar. Este cambio foi obrigado debido á inesperada convocatoria de eleccións, xa que a proba inicial partiría como todos os anos da terraza de Vialia.
A Érguete e Corre, que o ano pasado congregou máis de 900 corredores e corredoiras, será unha xornada para que as persoas que participan no circuíto Run Run do Concello de Vigo ultimen as súas marcas e para axudar ás máis de 8.000 persoas usuarias que a asociación atende cada ano. As inscricións están abertas ata hoxe ás 23.55 horas e a carreira conta con catro probas: ás 09.55 h sairán as persoas participantes da proba de bicis e ás 10.00 h comezará a carreira de 5 k e 10 k e a andaina, e as ás 11.00 horas comeza a carreira de peques para nenos e nenas nados entre 2014 e 2023.
Os cartos acadados durante a proba serán dedicados a un innovador programa de pódcast que está a desenvolver a Asociación Érguete para que as persoas usuarias poidan crear os seus propios programas e dar voz ás súas inquedanzas. Ademais, tamén se destinarán os recursos acadados ao programa Movendo Camiños, que introduce o deporte entre as persoas usuarias.
“É un orgullo cumprir dez anos da Érguete e Corre”, explicou a coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas, nunha rolda de prensa de presentación hoxe no Concello de Vigo xunto ao alcalde, Abel Caballero, e Tete Varela de Fiat Seguros. “Es la última de nuestras carreras solidarias del año”, lembrou o rexidor, que insistiu na importancia de sacar adiante a mensaxe e o movemento da Asociación Érguete ás rúas.

