Marcos Gómez Román participou na mesa redonda sobre as oportunidades e os retos que o Camiño Portugués e o Xacobeo 2027 representan para o sector gastronómico e turístico
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou hoxe na mesa redonda ‘O Camiño Portugués e o Xacobeo 2027: oportunidades e retos para o sector’, no marco da 5ª edición do Congreso Gastro Movida 2026, un encontro que aborda a conexión entre gastronomía e turismo.
A celebración do Ano Santo representa unha oportunidade para reforzar a proxección internacional de Galicia a través das rutas xacobeas e da diversidade de recursos que ofrece a comunidade. Neste contexto, a gastronomía desempeña un papel fundamental á hora de enriquecer a experiencia das persoas peregrinas e visitantes, achegándoas á identidade, á cultura e ás tradicións galegas.
A experiencia do Camiño permite descubrir moito máis ca un itinerario, desde as paisaxes e o patrimonio ata a cultura mariñeira e rural, os produtos de calidade e os viños galegos. Esta diversidade contribúe a crear vínculos duradeiros co destino, favorecendo que quen o visita queira regresar e compartir a súa experiencia con outras persoas.
A unión entre a tradición xacobea e a riqueza gastronómica constitúe tamén unha vía para xerar novas oportunidades para o sector turístico e o conxunto da economía galega. A colaboración dos profesionais da hostalería, produtores e demais axentes vinculados á actividade turística resulta esencial para aproveitar o potencial do Ano Santo e estender os seus beneficios ao territorio.
Deste xeito, o Xacobeo 2027 permitirá impulsar a promoción exterior, dinamizar os sectores produtivos e consolidar unha oferta turística baseada en experiencias auténticas e diferenciadas durante todo o ano, cun legado que transcenda a propia celebración e favoreza a chegada de visitantes nos anos seguintes.

