O comercio local do Porriño celebra o Black Friday os días 27 e 28 de novembro con 400 euros en premios

Redacción

A iniciativa, impulsada por ACIPOR e o Centro Comercial Aberto MOREA co apoio da Xunta de Galicia e o Concello do Porriño, sorteará catro tarxetas regalo de 100 euros entre a clientela que merque nos establecementos adheridos

O comercio de proximidade do Porriño prepárase para dinamizar as vendas de outono coa celebración da súa campaña do Black Friday 2026, que terá lugar durante toda a xornada comercial do venres 27 e o sábado 28 de novembro. A acción está organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR) e o Centro Comercial Aberto MOREA, coa colaboración do Concello do Porriño e a Xunta de Galicia a través da marca Comercio Galego.

Ademais dos descontos especiais que cada local aplicará durante ambas xornadas, a campaña busca incentivar o consumo local mediante o sorteo de catro tarxetas regalo por valor de 100 euros cada unha.

“No Porriño sempre compensa mercar no comercio local, pero este Black Friday, aínda máis”, explica o alcalde do municipio Alejandro Lorenzo durante a presentación xunto a diferentes integrantes de ACIPOR. “Os nosos comercios son o motor que lle dá vida ás nosas rúas, que xera emprego e que nos ofrece cada día un trato próximo e de calidade que non atopamos en ningún outro lugar”.

Como participar no sorteo

Para optar a un destes catro vales de compra, as persoas consumidoras deberán completar unha tarxeta de participación seguindo unhas sinxelas bases: realizar compras ou contratar servizos por un importe superior a 10 euros nos comercios participantes e conseguir o selo específico da campaña en tres establecementos diferentes dos adheridos á iniciativa.

Os locais participantes estarán facilmente identificables a pé de rúa grazas a un cartel oficial e a decoración con globos serigrafiados coa imaxe da campaña.

Data do sorteo

O sorteo celebrarase o mércores 2 de decembro de 2026, ás 20:30 horas, na sede de ACIPOR (Praza do Concello, 4-2A), nun acto no que a entidade tamén aproveitará para facer balance da campaña. Os catro vales de 100 euros resultantes poderán canxearse exclusivamente nos establecementos do Porriño adheridos a esta edición do Black Friday.

Comparte este artigo