— Nicolás Vázquez Iglesias pon en valor a formación completa dos 60 novos guías especializados na difusión da riqueza ambiental deste espazo protexido
— Con esta acreditación, poderán sumarse ao equipo profesional que vela tanto polo coidado da riqueza ambiental do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia como pola atención e a información ás persoas que o visitan
O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, salientou hoxe o labor dos guías do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG) para a protección e conservación do patrimonio natural e o desenvolvemento sostible da Comunidade.
Durante o acto de entrega de diplomas aos 60 novos guías acreditados este ano, o conselleiro puxo en valor a formación completa destes profesionais especializados na difusión da riqueza natural e ambiental que alberga este espazo protexido, ademais de destacar a contribución que farán para divulgar o respecto polos espazos protexidos e promocionar un turismo verde e sostible, en liña coa aposta do Goberno autonómico polo equilibrio entre a protección ambiental e o desenvolvemento económico de Galicia.
En concreto, os participantes no curso recibiron formación sobre cuestións específicas en materia de lexislación e biodiversidade así como sobre a súa protección, coñecementos vitais para que contribúan a que os elementos e valores naturais dos catro arquipélagos do parque -Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada- sexan apreciados e coñecidos pola cidadanía.
Neste senso, ademais de reforzar a capacitación profesional do persoal encargado da atención aos visitantes e da interpretación ambiental nos arquipélagos, o curso de guías tamén reafirma o compromiso da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático coa formación continua e a promoción da divulgación científica e do patrimonio natural.
Nicolás Vázquez Iglesias subliñou tamén a variedade dos perfís do alumnado deste curso, xa que hai tanto persoas que traballan como guías e técnicos de turismo (cun incremento notable de inscritos nesta edición) como profesionais doutros sectores como biólogos, xeólogos, fotógrafos ou mergulladores, que van desenvolver a súa actividade no Parque Nacional. A maiores, explicou que este ano recibiron formación 75 persoas, das que 60 a superaron de xeito satisfactorio.
De feito, tal e como establece o Plan reitor de uso e xestión deste espazo protexido, en vigor desde o ano 2019, só poderá exercer como guía nesta área quen dispoña dun título oficial. En concreto, nos últimos 20 anos xa se formaron preto de 1.300 persoas para dotalas de ferramentas necesarias para desenvolver as súas actividades profesionais na contorna socioeconómica do parque nacional.
Para concluír, o conselleiro salientou que Galicia reforza hoxe o grande equipo profesional que vela tanto pola protección desta xoia ambiental que é este espazo protexido, como pola atención aos seus visitantes. Nesa liña, cómpre indicar que no que vai de 2026 xa se rexistraron preto de 507.000 visitas e xa se superou o balance de todo o pasado ano 2025.

