A Asociación Érguete alerta do repunte do narcotráfico e das adiccións na sociedade galega

Redacción

“As redes de narcotráfico seguen a operar na comunidade e a destrozar familias”, din na entidade viguesa, que pon o foco no usuario policonsumidor de idade avanzada, xa que non ten nin recursos nin redes de apoio

A Asociación Érguete naceu hai máis de 40 anos da man dun grupo de nais que quixeron denunciar o mal das drogas e do narcotráfico, que operaba impunemente matando a milleiros e milleiros de persoas en Galicia. Daquela eran invisibles e hoxe, tantos anos despois, seguen aí, matando e destruíndo familias. Hoxe, Día Mundial contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas, queremos dicir que os fillos e fillas desas nais, o seu legado, estamos aquí para denunciar e enfrontarnos a toda esta xente. O narcotráfico é máis forte cando é invisible. Temos que sinalalos, denunciar e insistir en que a droga, o seu negocio, mata. Son asasinos e a nosa democracia ten o deber de vencer nesta loita.  

Desde a Asociación Érguete queremos mandar unha aperta xigante a todos e todas as implicadas nesta loita. Insistimos tamén na necesidade que temos como democracia, como sociedade libre e de dereitos, de achegar os máximos recursos posibles para a súa loita. Na entidade dános rabia ver certas imaxes que vemos ao longo de Galicia e de España en relación aos narcos. Debemos reflexionar sobre como é posible que no noso país se dean estas imaxes.

Temos que denunciar e sinalar aos narcotraficantes, como fixeron aquelas nais, pero tampouco podemos esquecer as súas vítimas: as persoas cunha adicción e as súas familias. Temos que insistir en eliminar estigmas, en entender que unha persoa que sofre este problema é unha persoa enferma que precisa recursos aos que acudir para saír adiante. No tecido asociativo sentimos que moitas veces faltan lugares para que eles e elas teñan unha axuda que é imprescindible. Ninguén pode deixar unha adicción en soidade, polo que debemos investir en recursos e en prevención. Temos que ser conscientes de que, se facemos isto, tamén reduciremos os problemas nas rúas —que os hai e non hai que esquecelos— e, á vez, atacaremos unha das vías de financiamento das grandes redes dos narcos, que explotan a estas persoas como consumidoras e vendedoras.

Hoxe tamén queremos poñer o foco no perfil do policonsumidor e policonsumidora de idade avanzada. Son persoas que xa non teñen redes de apoio, que os seus pais faleceron, e que viven desamparados e en situación de rúa. Non hai recursos para eles, non hai residencias nas que poidan vivir e mellorar na súa realidade. Eles e elas están desamparadas e iso tamén xera outros problemas. 

Hoxe, máis de 40 anos despois dos nosos inicios, dicimos que seguimos aquí. Que somos unha porta aberta as persoas que o precisen e un altavoz para denunciar a violencia dos narcotraficantes. Aquelas nais venceron coa súa raiba e agora debemos saber que nós tamén podemos vencer, facer deste mundo un lugar mellor.

Na Asociación Érguete tamén nos sumamos ao aos manifestos difundidos dende UNAD, a Rede de Atención ás Adiccións, da que formamos parte, e a Fundación Galega contra o Narcotráfico.

A pancarta da fotografía foi pendurada hoxe no Concello de Redondela, na súa feira de saúde, e foi deseñada por persoas usuarias da entidade. 

Comparte este artigo