A Asociación Érguete pecha o curso educativo tras intervir en 85 centros educativos e atender a máis de 500 familias

Redacción

A entidade impartiu 16 programas e insiste na necesidade de acompañar á mocidade sen xulgar

A Asociación Érguete pechou hoxe outro curso máis traballando nas aulas dos centros educativos da provincia de Pontevedra. A Oficina Técnica de Prevención da entidade tivo presenza en 85 centros educativos e traballou moi de preto con 500 familias co obxectivo de previr as adiccións nos menores, reforzar a súa personalidade ou dotalos de ferramentas para saber dicir que non. “Este traballo é indispensable e máis no mundo actual, no que todo vai tan rápido. Hai que traballar desde ben cedo as habilidades para saber afrontar situacións complicadas e rexeitar así o consumo ou hábitos non saudables”, indica Noelia Romero, responsable do servizo de prevención da Asociación Érguete.

O traballo en prevención da entidade está enfocado no desenvolvemento de capacidades emocionais e sociais e do pensamento crítico. “Acompañamos a mocidade sen xulgar. Cando traballamos con menores… primeiro temos que tratar de entender a súa realidade, a súa forma de entender o mundo e, logo, intervir para darlles esas ferramentas que mellorarán a súa situación”, engade Romero, que insiste en que, “tendo en conta os retos actuais, debemos seguir apostando pola intervención familiar como elemento central”.

O equipo do servizo da Asociación Érguete tamén pon especial atención ás adiccións sen substancia, unha dinámica propia do mundo actual. Traballan con menores e familias o uso das pantallas, das novas tecnoloxías e tamén a perigosidade das apostas en liña. “Hoxe os nosos e as nosas menores están expostos a milleiros de estímulos. Eles deben ser capaces de aprender o que é malo e, tamén, a desconectar das pantallas. A educación é imprescindible”, engade Romero.

A Oficina Técnica de Prevención da Asociación Érguete tamén desenvolve o Proxecto Ados, un servizo que se ofrece a todos os menores que foron sancionados por consumir ou ter cannabis, que segue sendo a droga ilegal máis consumida durante a adolescencia. “O Ados permite substituír a multa a cambio de asistir á formación que ofrece a entidade para axudar aos menores a deixar de consumir e afrontar esta problemática directamente”, indica Romero.

Comparte este artigo