Unha obra de mantemento xeral do edificio obriga a pechar a partir do luns, día 26, a Casa do Fareiro de Mera, onde se atopa a Aula do Mar, o centro de interpretación do Monumento Natural da Costa de Dexo-Serantes. En canto remate a obra a aula volverá abrirse á cidadanía, o que se anunciará publicamente.
Esta fin de semana abrirá como de costume: o sábado 24 de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19:30 h, e o domingo de 10:30 a 14.00 h. Durante o peche, loxicamente non se realizan visitas no interior da aula pero si no exterior do Monumento Natural dirixidas a asociacións, centros escolares etc. Os grupos interesados poden seguir solicitando visitas nos teléfonos 981 618 154 e 981 904 052 ou no enderezo turismo@oleiros.org.
As obras consisten na corrección das humidades nas paredes do edificio, que data de 1940. Para iso, retíranse a exposición e as instalacións que poden estorbar para revestir de novo a fachada e os interiores, que serán impermeabilizados. A intervención custará case 50.000 euros.