HomeA CoruñaA brigada municipal de obras xa está ao completo e estrea vestiario...

A brigada municipal de obras xa está ao completo e estrea vestiario coa nova marca que identifica os servizos públicos do noso concello: Ser Carballo

- Anuncio -spot_img

Ser Carballo non é só unha metonimia de Servizos Carballo, senón unha nova marca que alude indirectamente tanto ás persoas que prestan os servizos públicos coma ás que os utilizan, un lema co que pretendemos reforzar a identidade colectiva e o valor do público.

Aínda que Ser Carballo figura desde hai xa tempo nos vehículos e nos uniformes do persoal de servizos externos como a limpeza viaria, a roza, o control de pragas ou o mantemento de parques e xardíns, hoxe realizamos a presentación en sociedade cunha foto de familia da brigada municipal de obras, un dos servizos máis antigos da administración local, que se renova coa incorporación de novos funcionarios, entre eles a primeira muller da súa historia, e que ademais estrean uniformes.

A brigada municipal de obras está formada agora mesmo por 14 traballadores e traballadoras que se encargan de todo tipo de tarefas de mantemento e intendencia. E aínda que o equipo, dirixido por Manuel Mariño, realiza un traballo transversal, organicamente depende da Concellaría de Servizos, Medio Ambiente e Protección Civil. Hoxe o concelleiro delegado da área, Miguel Vales, xunto co alcalde, Evencio Ferrero, e outros membros do goberno municipal, participaron na presentación.

Ser Carballo é unha iniciativa que busca fortalecer o sentimento de pertenza e poñer en valor os servizos públicos que fan posible a vida cotiá do noso concello. Porque Ser Carballo non é só ser de aquí ou vivir aquí, senón participar activamente no coidado do espazo común, valorar os servizos que compartimos, e construír, entre todas e todos, unha identidade baseada no respecto, na colaboración e no orgullo de pertenza.

Con cada acción cidadá, como manter limpo o entorno, respectar as zonas verdes ou usar responsablemente a auga, somos máis Carballo. Desde o Concello queremos convidar á cidadanía a implicarse na corresponsabilidade do común, lembrando que o público é de todas e todos, e cando o coidamos, medramos como comunidade.

Publicacións Relacionadas