A campaña de verán de doazón de sangue “Un alento de vida” recalará en Neda o 18 de xullo

Redacción

Unha unidade móbil da Axencia de doazón de órganos e sangue (ADOS) visitará Neda o próximo 18 de xullo para facilitar que a veciñanza da localidade poida doar sangue, sen necesidade de saír do municipio. A visita enmárcase dentro da campaña especial de verán, que leva por título “Un alento de vida”, coincidindo coa celebración das festas do Carme.

Como cada ano, a axencia busca manter estable, a pesar das vacacións, a participación das persoas que doan sangue. O obxectivo, segundo apuntan, é acadar as máis de 22.000 doazóns de sangue que precisan os hospitais galegos durante este verán, para atender a preto de 6.500 doentes que requiren tratamento con compoñentes do sangue para recuperar a saúde.

O bus de ADOS situarase, unha vez máis, diante da Casa da Cultura en horario matinal, de 10 a 15 horas. En xeral, poden doar sangue persoas maiores de 18 anos (e ata 70 anos), con máis de 50 quilos de peso e que non padezan nin teñan padecido enfermidades transmisibles polo sangue.

Segundo datos publicados pola Consellería de Sanidade, Neda rexistrou ao longo das visitas efectuadas polas unidades móbiles durante o 2025 un total de 95 doazóns, é dicir, unha taxa de 19 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, un índice que está por debaixo da media galega. O Concello e ADOS apelan á solidariedade da poboación nedense, e fan un chamamento a acudir a doar, co fin de incrementar progresivamente a participación cidadá.

Comparte este artigo