O acto terá lugar na praza de María Pita desde as 17.00 horas, coas actuacións de Peter Punk e Los Alcántara
Este xoves comezará a programación de Nadal do Concello da Coruña co tradicional acto de acendido das luces, que este ano se celebrará na praza de María Pita, onde xa están preparadas as tres coroas que simbolizan aos tres Reis Magos, que contan con luz e música. A alcaldesa, Inés Rey, presidirá o acto de acendido, que comezará ás 17.00 horas co concurso de debuxos infantil.
Os nenos e nenas que o desexen poderán participar na praza de María Pita, ao carón do escenario instalado diante do Palacio Municipal, neste concurso. Todos os debuxos entrarán no sorteo para premer o botón que acenderá as luces de Nadal da cidade. Ás 19.00 horas comezará a actuación de Peter Punk, na que se desvelarán os nomes dos dous gañadores ou gañadoras.
A alcaldesa e a corporación municipal subirá ao escenario a partir das 19.30 horas, preparándose para o acendido das luces, que se producirá arredor das 20.00 horas. Este Nadal haberá na cidade 3,6 millóns de luces led de baixo consumo, case 300.000 máis que no 2023. Tamén aumentan os arcos ata os 555, os farois pasan de 198 a 383, as árbores pasan de 53 do ano pasado a 80 este ano e sumaranse case 40 rúas máis iluminadas.
As tres coroas da praza de María Pita ofrecerán tres espectáculos de luz e música ao día, con diferentes cancións propias desta época. Serán ás 18.30, ás 19.30 e ás 20.30 horas. Unha vez finalizado o acto haberá unha actuación de Los Alcántaras, dunha hora e media de duración.
A programación de Nadal, día a día, xa está dispoñible na páxina web municipal e nas redes sociais do Concello.