Do 12 ao 15 de maio haberá visitas guiadas a dez espazos históricos normalmente pechados ao público xeral ou con acceso restrinxido
Haberá máis de 500 prazas gratuítas distribuídas en grupos reducidos para garantir a calidade da experiencia e a protección dos bens culturais
A Coruña comezará a revelar este mes de maio os segredos do seu patrimonio máis descoñecido coa I Semana do Patrimonio Invisible, unha iniciativa do Concello da Coruña que, do 12 ao 15 de maio, ofrecerá preto de 600 prazas nun itinerario inédito por edificios, infraestruturas estratéxicas, institucións e achados arqueolóxicos habitualmente fechados ao público. Dez tesouros abertos nesta primeira edición e case 600 persoas poderán participar nos percorridos guiados por especialistas. O programa permitirá descubrir a tecnoloxía e as vistas da Torre de Control Marítimo, o pasado coma hotel do Pazo Provincial da Deputación da Coruña e a historia cultural que latexa tras o pano do Teatro Colón.
“Desde o Goberno de Inés Rey buscamos abrir á cidadanía espazos singulares da Coruña e amosar toda a súa historia e relevancia”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, que hoxe presentou o ciclo de visitas. Un dos puntos fortes desta estrea será o acceso a un dos achados arqueolóxicos máis relevantes da cidade, localizado na rúa Sinagoga 4, unha sorprendente cisterna abovedada no corazón da Cidade Vella que semella conectar co pasado hebreo da Coruña. A estas propostas súmase a Cidade das TIC, que ocupa o espazo da histórica Fábrica de Armas e que amosa unha innovadora reconversión do patrimonio industrial en vangarda tecnolóxica.
O itinerario complétase con institucións que gardan xoias de valor incalculable: o Museo de Belas Artes, onde se visitará a área de restauración; o IES Eusebio da Guarda, coas súas monumentais escaleiras e o seu observatorio meteorolóxico; a Biblioteca Casa do Consulado, considerada a fundación privada máis antiga de España; e a Igrexa de Santo Domingo, coa súa torre descentrada e o seu histórico órgano de Mariano Tafall. Finalmente, como peche do ciclo, resérvase unha visita secreta sorpresa que se revelará só ás persoas que reserven a súa praza.
Reservas e información
Para garantir a calidade do discurso narrativo e a protección dos bens culturais, o acceso ás visitas realizarase en grupos reducidos con prazas moi limitadas. Para participar, é imprescindible realizar unha inscrición previa a través do formulario de reservas dispoñible na web oficial: www.patrimonioinvisible.gal/reserva-a-tua-praza.
O sistema de reservas abrirase o xoves 7 de maio, ás 12.00 horas. Co obxectivo de facilitar o acceso á actividade ao maior número de persoas posible, cada solicitante poderá reservar un máximo dunha visita para dúas persoas. Todas as actividades da Semana do Patrimonio
Invisible son de carácter gratuíto.

