HomeA CoruñaA Coruña acolle esta fin de semana o 30º Rallye da Coruña,...

A Coruña acolle esta fin de semana o 30º Rallye da Coruña, primeira proba do calendario europeo TER 2026

- Anuncio -spot_img

A cita automobilística contará cun tramo urbano inédito no entorno do castelo de San Antón e once especiais cronometradas pola comarca

A cidade converterase esta fin de semana no epicentro do automobilismo coa celebración do 30º Rallye da Coruña, unha edición histórica que supón o salto internacional da proba ao integrarse no calendario do Tour European Rally (TER) e TER Historic 2026, compartindo programación con citas de referencia en países como Italia, Portugal ou Suíza.

A proba disputarase entre o venres 27 e o sábado 28 de febreiro e abrirá oficialmente o calendario europeo do TER. Este novo fito consolida o crecemento sostido do rallye coruñés tras unha década formando parte do Campionato Galego e proxecta a imaxe da cidade no panorama deportivo internacional.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, puxo en valor a dimensión que acada este evento para a cidade e para o deporte base e profesional, salientando que “A Coruña volve situarse no mapa europeo do motor cunha proba que combina espectáculo, seguridade e impacto económico para a cidade”. A maiores, destacou que a previsión da chegada de milleiros de amantes dos rallys nesta cita histórica suporá un importante retorno económico e reforzará a proxección da cidade a nivel internacional.

A saída oficial terá lugar no entorno de O Parrote, recuperando así un dos espazos máis emblemáticos da cidade como punto neurálxico da competición. O venres desenvolverase o habitual ‘shakedown’, que nesta edición modifica o seu sentido respecto ás últimas tempadas, ofrecendo un percorrido técnico que arrincará na zona da Cabana.

Un dos grandes atractivos será o tramo urbano inédito, de pouco máis dun quilómetro, que transcorrerá polas inmediacións do castelo de San Antón, o hospital Abente y Lago e a contorna da torre de control marítimo. Miles de afeccionados poderán seguir practicamente na súa totalidade este trazado, chamado a converterse nun dos momentos máis espectaculares da fin de semana.

O sábado concentrarase o groso da competición, con once especiais cronometradas que percorrerán distintos concellos da comarca. O tramo de Betanzos–Coirós combinará zonas rápidas cunha parte máis estreita e deslizante; Aranga volverá ser un punto clave, especialmente na zona de Ponte Aranga e no ascenso cara a Montemeá; Oza–Cesuras presentará novidades no seu sector final e obrigará aos equipos a afrontar un esixente bucle sen asistencia; Cerceda poñerá a proba a regularidade dos pilotos cos seus constantes cambios de ritmo; e A Laracha–Culleredo, o máis rápido da cita, decidirá boa parte das diferenzas finais.

A cerimonia de saída celebrarase o venres ás 19.00 horas no Parrote, que será tamén o escenario do tramo urbano Castelo de San Antón, previsto para as 20.10 horas. O sábado a competición arrincará ás 8.30 horas desde o C.C. The Style Outlets e prolongarase ao longo da xornada con once especiais cronometradas, estando prevista a chegada do primeiro participante ao parque pechado final na praza de María Pita ás 20.30 horas.

O parque de asistencia situarase nas instalacións de The Style Outlets, en Culleredo, mentres que os reagrupamentos terán lugar en concellos como Betanzos, o que permitirá distribuír a actividade da proba por distintos puntos da comarca e contribuír ao impacto económico do evento no territorio.

A celebración desta trixésima edición consolida a aposta pola organización de grandes eventos deportivos na cidade, no marco da estratexia de proxección exterior impulsada polo Goberno de Inés Rey, que continúa reforzando o posicionamento da Coruña como sede de referencia para competicións de ámbito internacional.

Publicacións Relacionadas