Tres plans de negocio foron recoñecidos polo Concello entre os 15 seleccionados no marco do proxecto Inicia de difusión da cultura emprendedora
O Fórum Metropolitano acolleu, ao longo da xornada de hoxe, a Feira de Ideas, impulsada polo Concello no marco do proxecto Inicia, de difusión da cultura emprendedora. Con este evento, que tivo encontros pola mañá e pola tarde, centos de estudantes de formación profesional puideron participar en sesións formativas orientadas a incentivar o emprendemento empresarial.
Ademais, 15 proxectos emprendedores que foron seleccionados este mes por un comité de valoración foron expostos en público a través de maquetas, folletos e degustacións, en función do proxecto en cuestión. Na sesión de tarde, varias figuras do ámbito do empresariado local deron charlas divulgativas para o alumnado de centros como IES Rosalía Mera, CPR Nebrija – Torre de Hércules, CPR Afundación, CPR Plurilingüe Grande Obra de Atocha, EASD Pablo Picasso ou CIFP Imaxe e Son.
Nestes relatorios formativos as especialistas —Vanina Cabrera (SerHogarSystem, de servizos domésticos e axuda a domicilio) e Patane García (Espazocoop, orientado ao emprendemento cooperativo)—, persoas consagradas nos seus respectivos ámbitos profesionais, explicaron a súa traxectoria e ofrecéronlles ás persoas asistentes consellos útiles para implementaren as súas ideas de negocio no clima económico actual e aprender a potenciar as vantaxes competitivas dos seus proxectos.
As ideas do alumnado gañadores do programa Inicia, co que o goberno local busca impulsar iniciativas empresariais e emprendedoras, visibilizándoas e abrindo un camiño á súa consolidación, recibiron os seguintes premios:
– 1º Premio: 300 € para Aroa Lemo, José Alberto Solez, Alejandro Erbella e Lisa Otero, do proxecto Vintalego (IES Rosalía Mera)
– 2º Premio: 200 € para Álex Pernas, Diego Cayazzo e Carmen Pastoriza, do proxecto Eskalium (Nebrija Torre de Hércules)
– 3º Premio: 150 € para Mateo Cambón, Anxo Gestoso e Jorge Simón, do proxecto Padelux (Centro de Formación Profesional Afundación)
– Ana Bello, Docente do proxecto gañador (IES Rosalía Mera): 300 €
– Centro educativo máis implicado (CIFP Imaxe e son): 300 €
“Desde o goberno de Inés Rey entendemos como unha prioridade facilitar a saída ao mundo laboral de todas as capas da cidadanía, incentivando ademais a iniciativa e a procura de solucións creativas que saiban aproveitar as oportunidades que ofrece o actual clima económico”, subliñou o Concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica Juan Ignacio Borrego.



