A III Xornada formativa “A inclusión socioeducativa” afonda na intervención en TEA cun enfoque práctico e multidisciplinar

Redacción
Lectura mínima de 3

Tras o éxito de participación das dúas edicións anteriores, o Fórum Carballo converterase de novo no epicentro da formación en autismo coa celebración da III Xornada Formativa: A inclusión socioeducativa. O evento terá lugar o sábado 23 de maio e está aberto a todo o público interesado en mellorar a calidade de vida e a integración das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA).
Á fronte da organización está a asociación Un paso máis, cuxa xunta directiva presentou hoxe o cartel e o programa desta terceira xornada acompañada polo alcalde, Daniel Pérez. A iniciativa, que conta coa colaboración co Concello de Carballo, dá continuidade a un proxecto que espertou un grande interese entre profesionais, familias e público en xeral, e que ten os seguintes obxectivos:

  • Sensibilizar sobre a importancia da inclusión social e educativa.
  • Ofrecer un espazo de intercambio de información, recursos e estratexias.
  • Dar visibilidade aos colectivos que traballan no sector.
  • Dotar de ferramentas prácticas a familias e profesionais para abordar condutas non desexadas e fomentar alternativas de comunicación.
    A organización destaca que a atención ao TEA debe ser multidisciplinar, polo que o programa deste ano adopta unha perspectiva “holística e diversificada”.
    Programa da mañá
    A xornada comezará ás 10:00 h coas intervencións de Daniel Pérez, alcalde de Carballo; Marcos Pinaque, doutor en Equidade e Innovación Educativa, e Banesa Martínez, presidenta da Agrupación Deportiva Un Paso Máis.
    A mañá contará coas seguintes intervencións:
  • 10:30 h: Relatorio “A importancia dos intereses profundos”, por Marcos Pinaque.
  • 11:30 h: Presentación de materiais adaptados APS (aprendizaxe servizo) a cargo de Susana Villar e Brais Puñal, coordinadores de Aspaber.
  • 12:30 h: Mesa redonda sobre experiencias en primeira persoa nas áreas de escola, emprego, ocio e vivenda, con representantes de familias e protagonistas de Aspaber.
    Obradoiros prácticos pola tarde
    A sesión vespertina (de 16:30 a 20:00 h) dividirase en dúas quendas de obradoiros simultáneos para que os asistentes poidan escoller a temática que máis lles interese:
  • Comprensión das condutas desde o enfoque Adleriano (Silvina Lema).
  • Estruturación educativa (Marcos Pinaque).
  • Avaliación da individualidade (Dra. Isabel García).
  • Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA) (Rosana Pazos).
  • Inclusión e xogo no grupo (Verónica Antúnez).
    O evento clausurase ás 20:00 h coa presenza de Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; Maica Ures, concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, e Banesa Martínez, presidenta de Un paso máis.
    Inscricións
    O prazo para inscribirse permanecerá aberto ata o 21 de maio ou ata completar a capacidade do auditorio do Fórum Carballo. A inscrición ten un custo de 5 € e pode formalizarse a través deste formulario en liña: https://www.unpasomais.org/l/iii-xornadas-a-inclusion-socioeducativa-tea/
    Ademais do Concello de Carballo, na xornada colaboran Aspaber, CaixaBank e Centro de especialidades Isabel García.
Comparte este artigo