A Semana dos Xeoparques Europeos ofrece este domingo unha ruta polo Aceiteiro, en San Sadurniño

Redacción

A programación da XII Semana dos Xeoparques Europeos fará parada este domingo en San Sadurniño cunha ruta polo regato do Aceiteiro centrada no coñecemento da flora dos ecosistemas fluviais. A actividade estará conducida por Silvia Caffaro, enxeñeira agrónoma e propietaria dos Viveiros Florgalicia, lugar onde se iniciará o percorrido ás 10:00h. As persoas participantes aprenderán durante aproximadamente hora e media de andaina a identificar especies vexetais propias destes hábitats, coñecerán as principais ameazas que afrontan e descubrirán boas prácticas para gozar do medio natural contribuíndo á súa conservación. A ruta ambiental é gratuíta pero require inscrición previa a través desta ligazón.

Os ecosistemas asociados aos ríos e regatos constitúen algúns dos espazos de maior riqueza ambiental do Xeoparque Cabo Ortegal. Co obxectivo de achegar ao público o seu valore natural, a ruta permitirá percorrer un treito do rego do Aceiteiro mentres se descobren as características da vexetación que medra nestes ambientes húmidos e a función que desempeña na conservación da biodiversidade.

Durante o itinerario, Silvia Caffaro explicará como distinguir as especies autóctonas doutras plantas que adoitan expandirse en zonas alteradas pola actividade humana. Ademais, abordaranse as principais ameazas que afectan aos ecosistemas fluviais e a importancia de preservar estes corredores naturais, fundamentais para a conectividade ecolóxica e a calidade ambiental do territorio.

A actividade terá tamén unha compoñente práctica e educativa. As persoas asistentes recibirán indicacións sobre as normas básicas para transitar por espazos naturais minimizando o impacto sobre a fauna, a flora e o propio entorno. Neste sentido, recoméndase acudir con calzado cómodo e seguro, roupa axeitada ás condicións meteorolóxicas, levar auga e algún alimento lixeiro, así como unha pequena libreta e un bolígrafo para anotar observacións. A organización lembra que non está permitido asistir con cans.

O punto de encontro estará situado no Camiño Arriba, desde onde partirá o grupo ás 10:00 horas. A ruta presenta unha dificultade media e está pensada para persoas interesadas en coñecer con maior profundidade os valores naturais do municipio e do territorio que integra o Xeoparque Cabo Ortegal.

A Semana dos Xeoparques Europeos é unha iniciativa que se celebra cada ano nos territorios que forman parte da Rede Europea de Xeoparques co propósito de divulgar o patrimonio xeolóxico, natural e cultural destes espazos recoñecidos pola UNESCO. No marco desta edición, o Xeoparque Cabo Ortegal organizou ata este domingo numerosas actividades divulgativas e de lecer nos distintos concellos do territorio. Todas son gratuítas, aínda que requiren reserva previa a través da páxina web da empresa colaboradora local geoviajesortegal.com.

Comparte este artigo