A xornalista e comunicadora oleirense Lucía Quiroga presentará o vindeiro luns 29 de xuño, na Casa Charry, o seu libro Guía de periodismo inclusivo. Perspectiva de género interseccional en la construcción de mensajes mediáticos.
A presentación terá lugar ás 19.00 horas, con entrada libre. Contará coa presenza de Claudia Morán e Marga Tojo, de Xornalistas Galegas; Montse Montaos, responsable da agrupación de xornalistas de CCOO; e Pablo Cibeira, concelleiro de comunicación do Concello de Oleiros. Todas elas acompañarán á autora nunha mesa redonda que abordará os retos do xornalismo con perspectiva de xénero baixo o título “Quen conta as noticias e como? Repensando o xornalismo desde o feminismo”.
O libro é unha ferramenta práctica, subvencionada pola convocatoria “Cultura, dereito para todas” do Instituto das Mulleres, que aborda a perspectiva de xénero interseccional en todas as fases da produción informativa. A publicación devólvelle ao oficio preguntas necesarias sobre que se conta, a quen se escoita e que voces quedan sistematicamente fóra do relato mediático. Tal e como sinala a directora do Instituto das Mulleres, Cristina Hernández, no prólogo, “cada palabra delimita que existe e que queda fóra. E nese xesto cotián xógase algo decisivo: quen ten dereito a ser recoñecido como suxeito e quen segue sendo contado como o outro”.
Tal e como recolle o libro, as mulleres seguen sendo menos visibles nos medios que os homes. Segundo datos do Global Media Monitoring Project, só o 26% das protagonistas e fontes informativas a nivel internacional son mulleres, unha cifra que evidencia ata que punto persiste a desigualdade na construción do relato mediático.
Fronte a esas dinámicas, Quiroga propón revisar inercias profundamente normalizadas dentro do xornalismo e incorporar ferramentas prácticas capaces de detectar sesgos case en tempo real. Unha das máis destacadas é a denominada “regra da reversibilidade”, un exercicio sinxelo que propón preguntarse se un tema, un titular ou un enfoque serían igualmente válidos se o suxeito da información fose un home. Se ao inverter o xénero a formulación resulta ridícula ou improcedente, a cuestión tamén é improcedente se o suxeito é unha muller.
“Moitas veces o machismo nos medios non só aparece en grandes titulares, senón en pequenos xestos cotiáns que levamos anos normalizando”, sinala Lucía Quiroga. “Preguntas sobre maternidade, aspecto físico ou vida persoal que poucas veces se lle farían a un home seguen formando parte de moitas coberturas aparentemente neutras”.
A guía percorre todo o proceso informativo, desde a elección dos temas ata a linguaxe coa que se redacta ou locuta unha noticia, poñendo o foco en decisións clave como as voces expertas que se seleccionan, o enfoque que se prioriza ou os marcos narrativos desde os que se constrúe unha información.
Un dos bloques máis relevantes do libro céntrase na cobertura da violencia machista, un ámbito especialmente sensible dentro do xornalismo con perspectiva de xénero. A autora advirte de que un dos erros máis persistentes segue sendo situar o foco sobre a vítima, detallando exhaustivamente a súa vida persoal mentres o agresor queda diluído no relato informativo. Para Quiroga, ese desequilibrio condiciona directamente a percepción social da violencia.
A obra tamén incorpora unha mirada interseccional, lembrando que as desigualdades non afectan a todas as mulleres da mesma forma. Factores como a idade, a orixe étnica, a clase social ou a orientación sexual interactúan co xénero para construír experiencias únicas de opresión ou privilexio. E desde esa construción atravesan o relato mediático, quedando moitas veces reducidos a estereotipos ou directamente invisibilizados.
Outro dos capítulos relevantes céntrase na creación das figuras das editoras de xénero nalgúns medios de comunicación, entendidas como unha figura que axude a ordenar e xerarquizar a actualidade con perspectiva de xénero no medio ao completo. Estas profesionais evitan que no proceso de creación dunha peza, se perpetúen as desigualdades mediante decisións aparentemente neutras como o espazo que ocupa unha noticia, as voces autorizadas que se seleccionan ou o enfoque desde o que se aborda un tema.
A publicación chega nun momento especialmente sensible para o debate público, no que o xornalismo se enfronta ao reto de decidir se contribúe a reforzar desigualdades ou se, polo contrario, axuda a desmontalas. A guía aposta claramente polo segundo, non desde unha visión teórica o moralizante, senón desde ferramentas concretas aplicadas ao traballo diario de xornalistas e profesionais da comunicación.
Unha autora con mirada de oficio e percorrido transversal
Lucía Quiroga (Oleiros, A Coruña, 1987) é xornalista e conta cunha ampla traxectoria en medios de comunicación como eldiario.es, El País, Público ou Forbes. Ademais, traballou en comunicación corporativa, institucional e política, desenvolvendo proxectos vinculados a administracións públicas, campañas electorais e organizacións sociais.
En 2023 foi seleccionada para o programa europeo Rewriting the Story, organizado pola Federación Internacional de Xornalistas, financiado pola Unión Europea e centrado en comunicación inclusiva, unha experiencia que atravesa boa parte desta obra. A súa traxectoria combina a práctica xornalística coa formación e a reflexión sobre comunicación, impartindo cursos e obradoiros en universidades e asociacións profesionais.
Guía de xornalismo inclusivo é o seu segundo libro, tras Manual de comunicación estratéxica local, centrado en ofrecer ferramentas prácticas de comunicación a administracións públicas.
Unha guía para revisar como contamos o mundo
A guía non expón fórmulas pechadas nin solucións perfectas. Ao longo do texto insiste nunha idea sinxela pero incómoda de que equivocarse forma parte do proceso, pero revisar como se informa tamén forma parte da responsabilidade xornalística.
Nun ecosistema mediático saturado de información e marcado pola velocidade, o libro propón recuperar algo aparentemente básico pero cada vez menos frecuente: pensar antes de escribir e revisar antes de publicar. Porque cambiar a forma de mirar tamén cambia a forma de contar o mundo.

