A Xunta de Goberno adxudica a execución do proxecto de rehabilitación integral do Centro Sociocultural da Insua

Redacción

Tamén confirmou a participación no POS+ Adicional e aprobou solicitudes de subvención para potenciar a Festa das Cereixas e mellorar as redes de saneamento e abastecemento.

Na última sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local adoptáronse diferentes acordos orientados á mellora das infraestruturas municipais e ao impulso de actividades de promoción turística e cultural.

A cuestión máis destacada foi a adxudicación do contrato de obras para a rehabilitación integral do Centro Sociocultural da Insua de Caión á empresa Esqueiro S.L. A actuación conta cun orzamento de 171.400 euros e ten por obxectivo mellorar a eficiencia enerxética do edificio que acolle o consultorio médico de Caión, actividade do tecido asociativo da vila e tamén organizada polo Concello, e a onde se prevé trasladar o novo comedor escolar do CEIP de Caión.

Os traballos incluirán a instalación dun sistema de illamento térmico exterior nas fachadas, o reforzo do illamento da cuberta e a substitución do actual sistema de calefacción por outro baseado en aerotermia, máis eficiente e sostible. Ademais, a intervención permitirá ampliar as posibilidades funcionais do inmoble cara o futuro, reforzando o seu papel como espazo de referencia para a prestación de servizos públicos e para o desenvolvemento da actividade social e comunitaria de Caión. O proxecto será cofinanciado polo Concello e pola Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas destinadas á realización de obras de eficiencia enerxética en infraestruturas municipais.

Outro dos asuntos acordados foi a confirmación da participación do Concello no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS+ Adicional 2/2026) da Deputación da Coruña. A través desta convocatoria financiarase a execución de proxectos de mellora da rede viaria municipal contemplados no Plan Complementario ao POS+2026, e que afectarán ás estradas dos núcleos da Revoltiña, A Armada Nova e A Armada Vella na parroquia de Soandres e ao de Cercido en Erboedo. O investimento total superará os 138.000 euros.

Tamén se deu luz verde a concorrer á convocatoria de axudas da Axencia Turismo de Galicia para apoiar a organización e promoción da Festa das Cereixas de Paiosaco como festa de interese turístico de Galicia. O Concello presenta un proxecto cunha ampla programación e accións de difusión do evento, unha das citas festivas máis destacadas do calendario municipal que se vai celebrar o primeiro domingo de xullo.

Por último, acordouse presentar a Augas de Galicia dous proxectos ao abeiro das convocatorias destinadas á mellora das infraestruturas hidráulicas municipais. Unha das actuacións ten por fin a redución das infiltracións na rede de saneamento municipal en Xermaña e, a outra, minimizar as perdas de auga na rede municipal de abastecemento na rúa Fontenova da Laracha.

Comparte este artigo