- Ángeles Vázquez salienta que esta actuación permitirá mellorar a calidade do servizo á poboación, así como contar un sistema máis preparado para afrontar períodos de seca, picos estacionais de consumo e futuras necesidades de abastecemento
- Lembra que a Xunta está a mobilizar 31,1 M€ ata 2029 para intervir en depósitos e estacións de tratamento co obxectivo de mellorar o servizo de abastecemento de máis de 300.000 persoas
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Frades, Roberto Rey, asinaron hoxe un convenio de colaboración ao abeiro do cal van destinar 615.000 euros á mellora da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Ponte Carreira para adaptala ás necesidades actuais e futuras do municipio.
Segundo dixo a conselleira, esta actuación dotará a Frades dun sistema de abastecemento de auga “máis moderno, seguro e eficiente”. De feito, a modernización das instalacións, que será cofinanciada nun 80% pola Xunta mentres que o Concello aportará o 20% restante, permitirá mellorar a calidade do servizo á poboación, así como contar un sistema máis preparado para afrontar períodos de seca, picos estacionais de consumo e futuras necesidades de abastecemento. De feito, a previsión é que se poida atender ata 2.300 persoas no horizonte 2046.
En concreto, o obxectivo da actuación, que conta con cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) é incrementar de forma significativa a capacidade de tratamento e mellorar a operatividade da ETAP, mediante unha nova planta compacta cunha capacidade de 50 m3/h -fronte aos 18 m3/h de capacidade máxima actual-, a renovación dos bombeos e a modernización dos procesos de decantación e filtración.
Tal e como lembrou Ángeles Vázquez, esta actuación forma parte da aposta da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático por modernizar as infraestruturas de abastecemento de auga en toda Galicia a través da mobilización de 31,1 millóns de euros ata 2029 para intervir en depósitos e estacións de tratamento co obxectivo de mellorar o servizo de máis de 300.000 persoas.
O obxectivo principal é facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento. Así mesmo, a conselleira tamén puxo en valor o apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos desde hai anos para que poidan exercer as súas competencias nesta materia dun xeito máis eficiente.

