— A obra inclúe o cambio de fiestras, o illamento térmico da fachada e obras de reorganización do centro, entre outras melloras
— Enmárcase na segunda fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica, aprobada hoxe no Consello, cuxo orzamento acaba de elevarse a preto de 500M€
A Xunta investirá máis de 910.000€ na rehabilitación integral do Colexio CEIP Francisco Vales Villamarín, na localidade coruñesa de Betanzos. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP licita hoxe esta actuación, enmarcada no Plan de nova arquitectura pedagóxica, que inicia agora unha segunda fase coa que eleva o seu orzamento a preto de 500M€.
O proxecto ten como finalidade a mellora da eficiencia enerxética do centro, para o que inclúe o illamento térmico polo exterior das fachadas con sistema tipo SATE, así como o cambio de canos e baixantes. Así mesmo, cambiaranse as fiestras por outras de aluminio con rotura de ponte térmica e acristalamento dobre con cámara de aire e tratamento de baixa emisividade, de apertura batente e oscilobatente. Substituiranse tamén as persianas, coas súas caixas e mecanismos de accionamento, por unhas novas de lamas de aluminio inxectadas con escuma de poliuretano para mellora do seu illamento térmico
No que atinxe ao interior, instalaranse falsos teitos rexistrables de placas de la de roca en aulas, comedor e sala de usos múltiples, mentres que almacéns e zona de office do comedor serán de placas de cartón-xeso con acabado vinílico para facilitar a súa limpeza. Ademais mudaranse as luminarias por outras de maior eficiencia enerxética. A maiores realizaranse actuacións como o traslado da biblioteca ou a reorganización do comedor e a sala de usos múltiples, entre outras melloras.
Cómpre lembrar que a Xunta leva investidos xa 3,5M€ en diferentes melloras neste centro nos últimos anos. Destacan entre estas obras a construción en 2014 dun novo aulario de Infantil, que supuxo un investimento de 2,3M€; así como, en 2018, a primeira fase da rehabilitación integral, acometida no edificio principal deste centro, unha obra que incluíu o illamento da fachada, a substitución das ventás e das luminarias, cun investimento de 430.000€.
Modelo pioneiro
Esta actuación está xa contemplada nos Orzamentos de 2025 da Consellería de Educación, Ciencia, universidades e FP e enmárcase no Plan de nova arquitectura pedagóxica, cuxo orzamento total o Goberno galego vén de elevar a preto de 500M€ . O investimento inicial para o período 2025-28, aprobado hoxe no Consello da Xunta, é de máis de 267M€, que se suman aos 230M€ executados entre 2021 e 2024 con intervencións en practicamente todos os centros.
Isto inclúe tanto a construción e a ampliación de centros, como rehabilitacións integrais, cambios de cuberta, actuacións de enerxías renovables e numerosas obras de mediana e pequena envergadura como instalación de ascensores ou renovación de aseos, entre outros.
A segunda fase do plan consolida un investimento sen precedentes nun dos parques inmobiliarios máis grandes da Xunta de Galicia, o dos centros educativos, integrado por arredor de 1.600 edificios. Ao mesmo tempo avánzase cara a un novo modelo de centros de ensino, pioneiro, con instalacións adaptadas ás necesidades do ensino do século XXI, máis flexibles, versátiles e cunha maior accesibilidade. Apóstase tamén por colexios e institutos máis respectuosos co medio ambiente desde o punto de vista do consumo enerxéticos e da súa integración na contorna.