- Tamén se conservan medidas equivalentes no subsistema de Baiona, desde o cal se abastece a poboación deste municipio pontevedrés
- Continúa a vixilancia especial na unidade territorial do Río Anllóns e tamén se fará no subsistema de Zamáns
- O resto de unidades territoriais da Demarcación Galicia-Costa seguen en situación de normalidade, cunha ocupación dos encoros de abastecemento do 70,87%
A Xunta mantén a situación de prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, na provincia de Pontevedra, e do río Grande, en Camariñas, segundo acordou hoxe a Oficina Técnica da Seca, que estivo presidida director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e outros cargos directivos do organismo hidráulico, así como representantes de Protección Civil, de MeteoGalicia e das Consellerías de Sanidade e Medio Rural.
Tamén continúa a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta (pero sen chegar a declarala) no subsistema de Baiona, pertencente á unidade territorial río Verdugo e desde o cal se abastece a poboación deste municipio pontevedrés.
Como novidade, nesta unidade territorial a Oficina Técnica da Seca acordou realizar un seguimento dúas veces ao mes da situación no subsistema de Zamáns, logo de detectar un descenso dos valores do indicador de escaseza. Nese senso, cómpre lembrar que na reunión desta Oficina do pasado 22 de agosto se acordou facer ese seguimento especial na unidade territorial do río Anllóns e hoxe decidiuse mantelo. Con todo, polo de agora esta vixilancia non implica a aplicación de medidas nesas dúas áreas.
Durante a reunión, os técnicos analizaron tanto datos meteorolóxicos como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza, seguindo o establecido no Plan especial de seca de Galicia-Costa.
Colaboración e concienciación
A Oficina Técnica da Seca traballa para adiantarse e adoptar medidas ante un posible episodio futuro de escaseza de auga así como a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable.
A situación de prealerta por escaseza de auga implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveis de ríos e encoros dos sistemas afectados da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. De feito, os concellos afectados teñen a obriga de comunicar a Augas de Galicia os seus datos diarios de caudais de consumo.
En concreto, os 19 concellos afectados pola prealerta son Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Sanxenxo, no caso da UTE río Lérez; e Cabana de Bergantiños, Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas, pertencentes á conca do río Grande. A maiores, no municipio de Baiona manteranse as medidas equivalentes a unha situación de prealerta.
Nesta situación, dentro do espírito de colaboración, cómpre que os concellos establezan as medidas que consideren apropiadas, no marco das súas competencias, e leven a cabo un labor de sensibilización da veciñanza e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu ámbito de influencia.
Ademais, recoméndase á poboación realizar un uso o máis responsable posible da auga, evitando as actividades que máis consumo xeran, como o enchido de piscinas ou o rego con auga potable, así como ter especialmente presentes as boas prácticas no fogar, como ducharse en vez de bañarse, utilizar as funcións eco dos electrodomésticos ou evitar malgastar recursos pechando a billa cando non se estea utilizando.
A Oficina Técnica da Seca tamén recomenda aos concellos afectados pola prealerta que minimicen os consumos municipais de auga que non sexan esenciais, como o baldeo de rúas, o rego de parques e xardíns ou as duchas de auga potable das praias.