A exposición conta cunha selección de obras recentes de gran formato do autor
A alcaldesa, Inés Rey, presentou este xoves na Sala Municipal de Exposicións de Palexco a mostra ‘Auga e Soño’, a nova exposición individual do artista Antón Patiño (Monforte, 1957), figura fundamental da arte plástica galega e española contemporánea. Acompañaron á rexedora, a comisaria da mostra, Rosario Sarmiento, e o propio artista, así como Antón Reixa, que levou a cabo un recital poético para pechar o acto.
A exposición reúne unha selección de obras recentes, fundamentalmente creadas nos dous últimos anos, e concibidas expresamente para o espazo de Palexco. Trátase de pezas de gran formato nas que Patiño desenvolve o seu característico vocabulario de “emblemas primordiais”, signos-raíz, pegadas, grafías e rostros que conforman unha linguaxe persoalísima, resultado dunha longa traxectoria marcada pola investigación plástica, a reflexión intelectual e unha profunda conciencia do acto de pintar. “Na Coruña seguimos apostando por unha programación de esta altura, que combina memoria e contemporaneidade, excelencia e compromiso, nos e nas mellores, como é o caso”, indicou a alcaldesa.
A comisaria Rosario Sarmiento destaca no texto do catálogo que Patiño “verte ao exterior un mundo absolutamente persoal, construído cunha caligrafía pictórica que combina a abstracción máis radical con fragmentos do real”. A mostra permite percorrer, segundo a comisaria, un discurso plástico que explora límites, espazos e esencialidades, no que conviven materia, mancha, ritmo e cor nun proceso de depuración conceptual e expresiva.
Patiño —poeta, ensaísta, investigador e membro destacado da xeración de Atlántica— ofrece nesta nova proposta unha síntese do seu pensamento artístico, un percorrido pola súa xeometría líquida e pola súa permanente procura desa “nomeación da realidade” que, segundo expresión do propio artista, define o acto de pintar. “A Coruña reafírmase hoxe como capital cultural da Galicia do Futuro, como cidade das artes visuais por antonomasia e espazo de pensamento e creación contemporánea, acollendo a obra dun dos pintores vivos máis relevantes do noso tempo”, indicou Inés Rey.
A mostra ‘Auga e Soño’ poderá visitarse no horario habitual da Sala Municipal de Exposicións de Palexco ata finais da primavera. A entrada é libre.



