O Concello denuncia que todas as empresas de comunicacións agás Telefónica pretenden deixar sen servizo á rúa Álamos

Redacción
Lectura mínima de 2

Con motivo das obras de reurbanización completa da rúa Álamos, o Concello instalou a canalización necesaria para eliminar os distintos postes existentes na vía pública. No caso dos postes das telecomunicacións todos eran propiedade de Telefónica, á que o Concello lle outorgou un prazo de 15 días para a súa retirada o pasado 24 de marzo.

Sobrepasado o requerimento municipal, Telefónica procederá no día de mañá a realizar a operación de retirada dos postes e canalización do cableado. Segundo informan desde a compañía, os cables das demais operadoras que estaban a usar os postes de Telefónica serán cortados xa que desde as distintas empresas non contestaron ás demandas de Telefónica de realizar o soterramento, non podendo retrasarse durante máis tempo a eliminación dos postes.

A falta de dilixencia por parte das compañías de telecomunicacións pode provocar que numerosos veciños e veciñas da rúa Álamos queden sen servizo de internet e telefonía. Este comportamento de desprezo total á cidadanía é o proceder habitual destas compañías, que actúan con impunidade total grazas a leis estatais e autonómicas confeccionadas a medida para maximizar beneficios, sen importar a atención que prestan.

Ningunha empresa privada ten dereito a paralizar unha obra pública, polo que o Concello non tolerará que os cables queden colgados das farolas como se pretendía por parte de Telefónica.

Comparte este artigo