A actuación está valorada en 145.000 euros e será financiada integramente polo Consorcio Galego de Servizo de Igualdade e Benestar.
A Xunta de Goberno Local acordou, na sesión ordinaria celebrada hoxe, a adxudicación á empresa Esqueiro S.L. da execución do proxecto de mellora das instalacións da escola infantil pública “A Galiña Azul” da Laracha, unha actuación valorada en máis de 145.000 euros.
A intervención foi contratada polo Concello e será executada baixo supervisión municipal, aínda que contará co financiamento íntegro da Xunta de Galicia a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
O proxecto permitirá acometer unha renovación integral de diferentes espazos do centro co obxectivo de seguir mellorando a calidade das instalacións educativas municipais, reforzando a seguridade, o confort e a funcionalidade dun servizo esencial para numerosas familias do municipio.
Os traballos centraranse especialmente na zona máis antiga do edificio e incluirán actuacións de reparación, mantemento e modernización orientadas a adaptar as instalacións ás necesidades actuais da escola infantil. Entre outras actuacións, renovaranse os pavimentos interiores, completarase a instalación de solo radiante, renovarase a pintura nos diferentes espazos e melloraranse elementos de carpintería, illamento e protección interior.
Tamén se contempla a reforma dos aseos infantís, a instalación de novo mobiliario e espazos de almacenamento, así como diferentes actuacións destinadas a incrementar a eficiencia térmica e acústica do edificio, mellorar as condicións hixiénicas e reducir as necesidades de mantemento futuro mediante o emprego de materiais máis resistentes, sostibles e adaptados ao uso diario nun entorno educativo infantil.
A previsión é aproveitar o período estival para executar os traballos de maior complexidade, de maneira que as instalacións poidan estar plenamente operativas de cara o inicio do próximo curso e que as obras interfiran o menos posible na actividade ordinaria do centro.
Con esta actuación, o Concello da Laracha, da man da Xunta de Galicia, continúa avanzando na mellora e modernización das infraestruturas municipais vinculadas aos servizos educativos e de conciliación, contribuíndo a ofrecer espazos máis seguros, accesibles e confortables tanto para os nenos usuarios como para o persoal da escola infantil.

