Os terreos que ocupa o campo de fútbol de Oseiro, cedidos no seu momento pola Deputación Provincial ao concello de Arteixo para destinalos a equipamentos públicos, non son para posibles especulacións nin transaccións inmobiliarias.
O Concello de Arteixo non quere parar de especular co solo público que lle cedeu a Deputación Provincial para equipamentos sociais e deportivos, de carácter obrigatorio e tras a aprobación do polígono Industrial de Sabón. Os terreos destinados ao campo de fútbol de Oseiro, 28.000 m2, forman parte dos máis de 130.000 m2 que son para uso e lecer dos veciños e veciñas de Arteixo dentro do polígono.
O Concello non pode esgrimir intereses dunha empresa que xa existe no polígono por enriba dos intereses veciñais que deben ser os que defenda o Concello. Se JEVASO quere ampliar a empresa hai outros polígonos industriais en Arteixo nos que o solo é mais barato que en Sabón. Hai exemplos de empresas situadas en Sabón como poder ser ALUMAN que están ampliando a súa actividade no polígono.
A Deputación non pode permitir o incumprimento do convenio de cesión de solo público a Arteixo, a cuxo Concello tamén lle outorgou unha gran subvención económica para mellorar os servizos e que a día de hoxe aínda non foi quen de realizar as obras..
Grazas á Deputación Provincial, Arteixo ten diversas instalacións públicas ao servizo da cidadanía como o campo do Arteixo e as instalacións que o rodean; pista cuberta, centro social… Oseiro ten dereito a ter e gozar do campo de fútbol actual, o campo non é solo industrial.