A partir do 10 de abril as oficinas do Banco Santander de Santa Cruz e do Polígono de Bergondo pecharán as súas portas ao público prexudicando a veciñanza e empresas.
Novos episodios de exclusión financeira para a veciñanza, as empresas, pequenos autónomos e pymes do núcleo de Santa Cruz, un dos máis poboados de Oleiros xunto con Perillo; e do Polígono de Bergondo.
Máis de 15.400 veciños e veciñas de Liáns e Dorneda (Oleiros) e outros 7.200 de Bergondo, ademais de 330 empresas do Polígono de Bergondo e 750 de Santa Cruz e contorna quedarán sen atendemento presencial por parte do Banco Santander xerando un gran prexuízo para a poboación en xeral, especialmente para o colectivo de persoas de máis idade.
Desde o día 10 de abril non se atenderá ao público en xeral ficando só a disposición dos clientes da entidade Santander a posibilidade de utilizar os caixeiros, realizar os trámites online e a través das app do banco en cuestión.
Alternativa dos Veciños considera que non se pode normalizar a retirada progresiva de servizos financeiros que comezou no rural e afecta xa a todos os concellos, prexudicando directamente a múltiples colectivos que obrigan a desprazarse incluso a outros municipios, como será o caso da veciñanza de Bergondo ou a outras parroquias, como será o caso da veciñanza de Santa Cruz e contorrna. AV denuncia que non se pode permitir que se reduzan as prestacións básicas no ámbito local coa escusa do avance da dixitalización e a reorganización e concentracións de oficinas.
No caso das persoas de máis idade, Alternativa denuncia unha total exclusión social e financeira deste colectivo impedindo que as persoas maiores se desenvolvan de forma autónoma nas oficinas bancarias para a realización de operacións como o cobro das pensións ou abonar calquera recibo; obrigando a este colectivo a depender de terceiras persoas.
“É unha vergonza como as entidades bancarias xogan coa xente, cos cartos da xente, nós estamos denunciando isto e imos falar coa Xunta de Galicia a ver o que se pode facer para evitar a fuga e a desatención aos veciñosdas sucursais bancarias”- manifestou o presidente de Alternativa dos Veciños.

