Feira literaria, charlas e presentacións de novidades son algúns dos atractivos do evento que terá lugar na segunda semana do mes de xuño
A Concellería de Cultura do Concello de Fene xunto coa ACRD O Pote de Maniños e AETNA organizan unha nova edición das Xornadas Literarias do Pote (Maniños). A cita será o venres 12 de xuño a partir das 18.00 horas e incluirá presentacións de libros, charlas e feira literaria.
As Xornadas Literarias do Pote naceron “coa vontade de converter o noso concello nun espazo de encontro arredor da cultura, da lectura e da creación literaria de autores e autoras galegas”. Un dos principais atractivos do encontro será a presentación da obra gañadora do último Premio Xerais 2025, Mulleres que viven xuntas, a cargo da súa autora, Abril Camino. Pero ademais, nesta ocasión participarán no evento: Óscar Reboiras (A agonía das folerpas) e Rober Cagiao (autor de Cadea de favores e A Dama de Amboto) para falar da novela negra na Galiza; Rodrigo Costoya (Fillos de Gael e O século do milagre) coas súas aventuras medievais e do Camiño de Santiago; e Fran Alonso (Cáncara), responsable de Edicións Xerais.
As persoas que asistan a estas III Xornadas Literarias do Pote tamén poderán visitar a feira literaria que se instalará a partir das 18.00 horas nos arredores da sociedade de Maniños, coa participación de autores e autoras de Ferrolterra e arredores. Feira organizada coa colaboración da Asociación Galega de Escritores e Escritoras (AGER) e de Imprenta Sanesteban.

