Home A Coruña Avanzan a bo ritmo as obras para remodelar os accesos ao pavillón...

Avanzan a bo ritmo as obras para remodelar os accesos ao pavillón municipal de San Sadurniño

- Anuncio -

O remate deste proxecto solaparase co inicio da mellora da envolvente da Casa da Cultura

Ambas actuacións superán un investimento superior aos 215.000 euros, financiados con achegas provinciais do POS

Proseguen os traballos para cambiar o acceso principal ao pavillón municipal de San Sadurniño, onde nestes días quedará lista a cuberta de formigón que gorecerá tanto a entrada ás instalacións deportivas como ao patio do CPI. A adxudicataria dos traballos -Construcciones Guerreiro Somozas S.L.- prevé que a obra poida estar rematada para mediados do mes que vén, momento no que esta mesma empresa tamén conta comezar coa mellora da envolvente e a redistribución dos espazos na Casa da Cultura. Neste último proxecto o Concello investirá 144.758,66 euros, financiados con cargo ao POS Adicional da Deputación da Coruña.

Os albaneis teñen practicamente preparado todo o encofrado e a malla metálica para verter sobre dela o formigón, que acabará formando unha lousa continua de 35 metros de lonxitude desde a nova porta do recinto até o acceso ao patio cuberto do centro escolar. A operación levarase a cabo previsiblemente na xornada do luns, aínda que non concluirá ata varios días despois, cando se complete o tempo de forxado e poidan retirarse táboas e puntais de obra.

Deste modo quedará rematada a parte de maior envergadura do proxecto, consistente en cubrir a zona de espera do alumnado do CPI e tamén a metade da fachada sur do pavillón. Os planos recollen, ademais, un novo chan para salvar a diferenza de alturas -adaptado para persoas con mobilidade reducida- e a apertura dun portalón que facilite o acceso do público ás dúas bancadas do recinto deportivo.

A piques de comezar as obras na Casa da Cultura
Agárdase que a obra no pavillón -adxudicada en cerca de 71.000 euros- non se demore máis aló de unha ou dúas semanas sobre o calendario previsto inicialmente e concluirá cos traballos de carpintaría metálica e de instalación eléctrica. A empresa confirmou esta mañá que os últimos detalles deste proxecto se simultanearán co inicio do outro contrato municipal que levará a cabo nos próximos meses, co que se renovará toda a envolvente da Casa da Cultura.

Tal e como se sinala no proxecto técnico, o obxectivo principal da obra é eliminar os “severos problemas de humidades” relacionados coas carpintarías e o estado do recubrimento da fachada, dos que resultan filtracións achacables “á solución construtiva adoptada para a envolvente”. Ademais, o edificio -no que se instalou hai relativamente pouco unha caldeira de biomasa- tamén padece de pouca eficiencia enerxética, no sentido de que no inverno gasta máis calefacción da debida por causa dun illamento e dunhas fiestras con perdas constantes, coa engadido das condensacións que producen en certos puntos.

Para acabar con esta situación o proxecto de obras propón selar convenientemente a pedra da fachada -despois de limpala a conciencia e dárlle un tratamento hidrófugo- e tamén cambiar todas as carpintarías exteriores manténdolles a aparencia, pero utilizando cristal e aluminio con rotura de ponte térmica.

Unha parte do plan resérvase para restaurar os desperfectos ocasionados no interior do inmoble, sobre todo na zona da sala de proxección, onde cumprirá limpar, lixar e dárlle un novo acabado unha vez que finalicen os traballos no exterior.
Alén destes labores de rehabilitación do edificio, o proxecto tamén inclúe a resposta a unha vella demanda dos grupos políticos municipais da oposición reclamando que o Concello lles facilitase espazos físicos nos que poder traballar e poder recibir á veciñanza.

Para atender a petición prepararanse dúas oficinas no recinto da antiga cafetaría da Casa da Cultura. Para iso prevense colocar tres tabiques divisorios na zona central da estancia, de modo que quedarán dúas espazos duns 10 m² cada un, con entradas independentes e sen interferir nos accesos nin nas saídas de emerxencia do auditorio.

Toda a obra está cuantificada en 144.758,66 euros que o Concello financiará cunha achega do POS Adicional da Deputación da Coruña. Nos próximos días celebrarase unha reunión entre o consistorio e a empresa adxudicataria do proxecto, co obxectivo de plafinicar os traballos de maneira que teñan a menor incidencia posible no normal funcionamento do centro cultural.

Desde o Goberno local avánzase, porén, que en momentos concretos as actividades que alí se desenvolven deberán trasladarse a outras instalacións municipais, como poden ser a Casa da Xuventude ou o local social de Lamas.

Neste sentido o departamento de Cultura tamén ten previsto iniciar o calendario 2022 coa proposta “Algueiradas de inverno” que arrancará o 19 de febreiro cun Entroido no local de Naraío, en espera de ver como quedan as restricións que decrete a Xunta para esas datas.

Relacionadas

Arranca a nova edición das Xornadas Literarias de Neda centrada na cultura xaponesa

0
A Casa das palmeiras acollía esta tarde a inauguración da XIX edición das Xornadas Literarias de Neda. Unha cita que, baixo o título de...

O pleno abordará o próximo martes a modificación das ordenanzas reguladoras do Programa de...

0
Manteranse as bonificacións de ata o 50 % nas tarifas xerais de acordo a circunstancias socio-familiares e económicas. O martes da próxima semana (30 de...

Accidente de tráfico na N-6 á altura do punto quilométrico 556 ao seu paso...

0
Os bombeiros do Parque Comarcal Provincial de Betanzos foron alertados ao redor das 12:30 de horas da mañá de hoxe, 25 de abril, dun...

O Concello lanza unha serie de paseos guiados para afondar na relación de Compostela...

0
'Compostela e as orixes da lingua' ofrece unha andaina guiada co que achegarse ás orixes de Compostela e a súa relación coa lingua galega...

A Coruña acolle este domingo a XXIX Carreira Alternativa

0
Baixo o lema ‘Máis igualdade e inclusión’, a proba percorrerá 7 quilómetros con saída e chegada na praza de María Pita A Coruña acollerá este...

Todos os contratos do Concello de Oleiros adxudícanse conforme á lei

0
Nun interesado exercicio de manipulación, La Voz de Galicia publica hoxe unha noticia falsa en relación ás contratacións do Concello de Oleiros, cando todas...

Publicacións Relacionadas