Home A Coruña Canzobre releva ao (seu) mestre, Manuel Carballeira, na galería do Concello de...

Canzobre releva ao (seu) mestre, Manuel Carballeira, na galería do Concello de San Sadurniño

- Anuncio -

O venres será o último día en que poderemos visitar as dúas exposicións artísticas que ilustraron o Nadal de San Sadurniño. No recibidor Casa da Cultura temos a mostra que recolle as mellores pezas presentadas ao premio Jesús Núñez de creación gráfica, convocado pola Deputación da Coruña, mentres que na galería da Casa do Concello atopamos un pequeno recopilatorio da extensa obra do pintor chairego (afincado en Valdoviño) Manuel Carballeira. Malia que ambas exposicións se recollerán o venres á tardiña, o luns 13 xa teremos outra para ver, con cadros do acuarelista Santiago Lago Canzobre.

Lago, nado na Coruña en 1959 e veciño de Ferrol desde hai un cuarto de século, é un dos discípulos máis avantaxados e prolíficos de Manuel Carballeira. Deste último aprendeu a técnica da acuarela, a súa favorita “pola espontaneidade e a expresividade” que lle brinda.

Malia terse formado con Carballeira, o artista asistiu a varias clases maxistrais de acuarelistas reputados, como Álvaro Castagnet, Pablo Rubén, Cesc Farré ou o italiano Massimiliano Iocco, entre outros.

Desde hai uns anos participa nas actividades de pintura ao aire libre do grupo de acuarelistas As Xubias, integrado por unha vintena de artistas que se reúnen todos os sábados pola mañá para pintar en distintas zonas da Coruña e a súa bisbarra.

Ademais, Canzobre -que así asina os seus cadros- ten concursado en varios certames, algúns de pintura rápida, que recoñeceron o valor da súa obra, da que tamén podemos ver un mostrario no seu perfil de Instagram @canzobre_watercolors.

A exposición que se instalará na galería da Casa do Concello esta fin de semana poderá visitarse desde o luns 13 até o venres 31 de xaneiro no horario de apertura do edificio, de luns a venres entre as 9:00 e as 15:00h.

Adeus ás mostras de Manuel Carballeira e do premio Jesús Núñez
Antes da chegada de Canzobre, polo tanto, teremos dous días para gozar das paisaxes de Manuel Carballeira, posiblemente un dos nosos pintores máis prolíficos e premiados. Así o testemuñan máis dunha trintena de exposicións desenvolvidas dentro e fóra de Galicia nos últimos anos e os máis de cen premios principais colleitados desde 1994 noutros tantos concursos.

Hai dez anos, cando se estreou a nova Casa do Concello, Manuel Carballeira foi o artista que inaugurou cos seus cadros a galería municipal, lugar ao que regresou durante este Nadal para traernos unha escolma de obras figurativas en distintas técnicas, sempre sen saír do estilo realista e impresionista

Por outra banda, no recibidor da Casa da Cultura podemos admirar algúns dos mellores traballos presentados á edición 2023 do certame internacional de arte gráfica “Jesús Núñez”, convocado pola Deputación da Coruña para poñer en valor esta disciplina e tamén a figura do artista que lle dá nome ao concurso.

Á 18ª edición presentáronse 114 creacións, entre as que resultou ganadora a peza “10 grados”, de Juan Carlos Escudero García. Tamén se concederon dous accésits, un a Mateusz Patrzyk de Oliveira pola obra “Painbody I” e outro a Maite Pinto Zangróniz por “Vero Over”. Todas estas pezas forman parte da exposición aberta ata este venres en San Sadurniño.

Relacionadas

Figuras como Shostakóvich e Chaikovsky, protagonistas do primeiro concerto da Banda Municipal neste ano...

0
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou a cidadanía a asistir á actuación, que será de acceso libre ata completar a capacidade...

O Concello aproba a nova ordenanza dos centros municipais de empresas, que dará máis...

0
Este xoves, o pleno deulle luz verde á aprobación inicial ao texto da nova ordenanza, coa que se lles incrementa o número de anos...

Miño acollerá o 13 de xaneiro unha nova sesión de ‘A Administración preto de...

0
• Será ás 11 horas no auditorio do Centro Social da Rúa. • Os asistentes poderán obter o certificado dixital ou a Cl@ve no momento,...

Neda estenderá a colocación de anclaxes para suxeitar e protexer os seus colectores de...

0
O Concello de Neda ten previsto instalar suxeita contedores de residuos en novos puntos do municipio. Busca deste xeito impedir que os colectores acaben...

O partido do Breogán – Leyma Coruña do domingo non se poderá emitir no...

0
O Concello, en coordinación co club, ofreceu de xeito gratuíto as instalacións para que a afición puidera ver o encontro, mais flinalmente o partido...

O albergue de Neda bate no 2024 o seu propio récord de peregrinos hospedados

0
Por segundo ano consecutivo, o albergue de peregrinos de Neda supera a barreira dos 3.000 hóspedes. A suba experimentada polo Camiño Inglés ao longo...

Publicacións Relacionadas